24.000 visitantes para celebrar a maioría de idade de Xantar

24.000 visitantes para celebrar a maioría de idade de Xantar

Ao redor de 24.000 visitantes percorreron as instalacións de Expourense durante os cinco días do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, uns datos que fan de Xantar  un gran punto de encontro internacional para o sector turístico e gastronómico.

Na terceira xornada da feira Aceites Abril -continuando a liña de posta en valor do produto galego- impulsou un showcooking no que se deron cita unha trintena de bloggers gastronómicos. O xefe de cociña do Hotel Eurostars Auriense, Luís Vidal Bautista, foi o encargado de sorprender aos asistentes co seu “Maridaxe Transatlántico” que consistía nun aperitivo de chocolate con cacao americano mesturado co sabor do AOVE 100% Galego e servido nun ourizo de castaña.

Se o terceiro día de Xantar virou ao redor do produto galego, a cuarta xornada centrouse na promoción das excelencias gastronómicas de Panamá, o país convidado nesta edición. Dentro dun programa diario máis orientado ao público xeral, destacou a entrega dos Premios Especiais de Xantar así como tamén a conferencia e o showcooking ofrecido polo cociñeiro gañador de Masterchef 2015, Carlos Maldonado.

A 18ª edición de Xantar, clausurouse cun programa enfocado á promoción do turismo rural e do interior de Galicia. A última edición da feira volveu a contar así coa fidelidade dos profesionais do sector e tamén do público xeral procedente tanto de Galicia como de Portugal e de provincias limítrofes. Os bos resultados de asistencia conseguidos -ao redor de 24.000 visitantes– permitiron cumprir co obxectivo do salón de fomentar o turismo de proximidade a través da gastronomía.

Comparte...