3 sobremesas sinxelas (e galegas) para afrontar a onda de calor

3 sobremesas sinxelas (e galegas) para afrontar a onda de calor

As altas temperaturas coas que se inicia o mes de agosto fan que os máis lambóns xa estean a pensar en alternativas ás clásicas tartas e doces de forno. Pero a gastronomía galega  ten tamén opciónss para todos aqueles que buscan refrescarse do modo máis doce. Propoñemos 3 alternativas a base de produtos galegos, do máis ricas, fáciles de preparar e por suposto, refrescantes.

Filloas con fresas e nata

Nada máis típico da nosa gastronomía que un prato de filloas. E si, dende logo son aptas para calquera época do ano, non só para o Entroido.  A clave está en acompañar as filloas con produtos frescos como nata ou xeado  para contrastar as dúas temperaturas e conseguir un sabor refrescante e doce ó mesmo tempo. Probar as filloas con nata e fresas é unha das nosas recomendacións. Unha opción perfecta para sobremesas pero dende logo, tamén para merendas.

Queixo con marmelo

É unha das opción máis sinxelas de preparar e tamén unha das máis deliciosas.  En Galicia contamos con un total de catro queixos con Denominacións de Orixe e todos eles son aptos para preparar con marmelo. Aqueles que opten por sabores máis suaves o mellor será o Queixo de Tetilla  ou o Arzúa-Ulloa, que se mesturan á perfección coa textura do marmelo. Pero tamén o fresco Cebreiro ou, para aqueles que queiran un sabor diferente o famoso queixo afumado San Simón Da Costa, que lle outorga á combinación un carácter propio e diferente. ¿Unha idea? Engadirlle noces ou outros froitos secos. O contraste de texturas e sabores daralle a esta proposta un aire diferente.

Un xeado artesanal

Para aqueles que prefiren non complicarse é o máis sinxelo e refrescante. En Galicia existen diferentes cooperativas e grupos que elaboran xeados artesanais, de calidade e da Terra. Bico de Xeado ou Xearte Brigitte son dous bos exemplos. Ambas teñen opcións de sabores clásicas, para os que prefiran non arriscar, pero tamén contan con xeados elaborados a base de produtos típicos da nosa terra como o xeado de castaña ou incluso o de de Pemento de Herbón, que elabora estacionalmente Bico de Xeado.

Son tan só tres opcións sinxelas e deliciosas para estes días nos que non apetece meterse entre fogóns pero nos que queremos gozar da parte máis doce da nosa gastronomía, que conta con moitas outras propostas para saborear o verán.

Comparte...