87 marcas de Rías Baixas, presentes en Vinexpo Burdeos

87 marcas de Rías Baixas, presentes en Vinexpo Burdeos

Oitenta e sete marcas de 47 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, participan desde o domingo ata o martes en Vinexpo  Burdeos 2017 na que España é o país de honra da presente edición. Por iso, o pavillón do ICEX, dentro do que se atopa o stand de Rías Baixas, conta cunha magnífica situación nesta edición. O espazo que ocupan as 87 marcas de Rías Baixas está disposto como un túnel do viño, no que cada marca ten a súa ficha de cata e toda a información necesaria para o visitante profesional.

Ademais como país de honra, España conta cun programa de catas impartido polo Master of Wine, Pedro Ballesteros, quen seleccionou dúas marcas de Rías Baixas para protagonizar, cada unha delas, unha cata. No caso dos viños de Rías Baixas estarán presentes nas charlas tituladas: “Diferentes climas, diferentes viños españois” e “a revolución dos brancos españois”.

A Denominación de Orixe é un expositor habitual en Vinexpo Burdeos, dirixida a visitantes profesionais e considerado un dos máis importantes salóns de viño e bebidas espirituosas a nivel mundial. Á participación do Consello Regulador hai que sumar a de algunhas adegas que acuden cun stand propio ou dentro do posto do seu importador. Na edición de 2015, a feira contou con 2.350 expositores procedentes de 42 países, e con 48.500 visitantes de 151 países.

As exportacións na D.O. Rías Baixas representan o 28% das vendas totais dos seus viños, que en 2016 alcanzaron os 22.965.703 litros de viño comercializados, dos cales 6.402.703,45 litros destináronse aos mercados internacionais. Principalmente a Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Porto Rico, México, Holanda, Irlanda, Xapón, Suiza, e Bélgica.

Comparte...