Melindres en CIFP Compostela

La Festa do Melindre amosa o potencial dos seus doces nas principais escolas de hostalaría de Galicia

O Concello de Melide continua coa promoción da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional e coa posta en valor dos seus doces a través dunha acción formativa que terá lugar, durante todo o mes de abril, nalgunhas das principais escolas de hostalaría de Galicia.

A acción, un obradoiro práctico deseñado especialmente para alumnos de panadería, repostaría e confeitaría; permitirá aos estudantes coñecer de primeira man os ricos, os melindres e os amendoados. Así, poderán descubrir a calidade dos ingredientes destes produtos tradicionais, traballar coas diferentes masas e tempos de forno, e tamén experimentar coas propiedades de cada un para a elaboración de novas sobremesas e petiscos doces.

Esta ruta formativa comezou onte no CIFP Compostela, a mítica escola de hostalaría de Santiago, cun primeiro obradoiro que foi impartido polo mestre artesán e presidente da Asociación de Repostaría Melide Terra Doce, Alberto Rodríguez. Xunto a el, os alumnos de Lamas de Abade elaboraron tres sobremesas con base non doces melidenses: Dalky invertido de amendoados, chocolate e nata neutra; babá de licor café e polvo de melindres; e crumble  de ricos con froitos vermellos.

Trala visita ao CIFP Compostela, os obradoiros de repostaría melidense continuarán a súa ruta o vindeiro luns 8 de abril no IES Fragas do Eume de Pontedeume e na EFA Piñeiral de Arzúa; e o martes 23 no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. Todo isto antes da celebración da XXVIII edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, evento de Interese Turístico de Galicia que este ano terá lugar os días 11 e 12 de maio en Melide.

Comparte...