A praza de Tomiño convértese no primeiro Mercado Excelente

A praza de Tomiño convértese no primeiro Mercado Excelente

A praza de abastos de Tomiño converteuse o mércores na primeira de toda Galicia en lucir o distintivo de Mercado Excelente. Este selo de calidade que outorga a Xunta valora catro grandes áreas: a imaxe do mercado, as instalacións e a accesibilidade; a organización, a unidade de xestión e a profesionalidade dos praceiros; a atención ao cliente e a prestación de servizos; e a implicación e a integración do mercado na vida social do municipio.

En consonancia con estes parámetros, a praza de Tomiño conseguiu o selo por responder os restos de modernización e innovación conservando a autenticidade e a tradición, así como por fomentar a proximidade e o trato personalizado.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou no acto de entrega do distintivo que o respaldo da cidadanía, comprando día a día no mercado, potencia un punto de encontro no que se conxugan comercio, gastronomía e actividades de lecer, á vez que pemes e autónomos dispoñen dun centro de negocios no que desenvolven a súa actividade creando riqueza e emprego.

Liña de axudas

Anunciou tamén o conselleiro que, precisamente e para promocionar os mercados de proximidade, a Consellería de Economía, Emprego e Industria poñerá en marcha unha liña de axudas que dará preferencia aos Mercados Excelentes. Un dos ámbitos nos que se incidirá será a dixitalización e a innovación do sector, con iniciativas como os laboratorios dixitais orientados a asesorar aos comerciantes. Así mesmo, buscarase a colaboración das asociacións de comerciantes das prazas de abastos para a utilización de ecoenvases, de forma que se incida na vinculación co territorio á vez que se protexe o medioambiente.

Comparte...