Abertas as inscricións para Fórum Gastronómico A Coruña 2017

Abertas as inscricións para Fórum Gastronómico A Coruña 2017

A sexta edición do Fórum Gastronómico en Galicia repite na Coruña do 12 ao 14 de marzo no recinto feiral de ExpoCoruña

O programa de actividades terá como eixo central a nova cociña galega, que nesta edición adquirirá un gran protagonismo. Máis de sesenta cociñeiros de Galicia pasarán polo auditorio e os talleres do Fórum. Entre moitos outros, destacan Pepe Solla (Solla), Javier Olleros (Culler de Pau), Luis Veira (Árbore da Veira), Iván Domínguez (Alborada) ou os colectivos Coruña Cociña e Grupo Nove.

Tampouco faltarán á cita novas promesas galegas como Alberto Lareo (Manso), Alberto Cruz (Landua), Carlos Javier González (Merenzao), Diego López (La Molinera) ou Nacho Rodríguez (Gastromanía).

Como novidade, este ano realizaranse sesións monográficas de especialización dunha tarde de duración, concretamente unha de peixes e unha de carnes. Ademais, no novo espazo chamado Ágora, os protagonistas serán os oficios alimentarios e os artesáns. Ofreceranse sesións de 40 minutos que, do mesmo xeito que os talleres, inclúen degustación e requiren inscrición previa. Os protagonistas, neste caso, serán o pan, o queixo, a chacinería, o mar ou a coctelería.

O Fórum Viño terá o privilexio de contar, entre outros, cunha sesión inédita de Josep Roca, o mellor sumiller do mundo (O Celler de Can Roca), con sesións a cargo do catador Xoan Cannas (Instituto Galego do Viño), do especialista en viños de Xerez, José Ferrer, e tamén Luís Paadín. O servicio de sala contará cunha sesión especial a cargo de Juan Mediavilla, Amaranta Rodríguez (Culler de Pau) e Abel Valverde (Santceloni).

No programa do Fórum Gastronómico A Coruña 2017 non faltarán os premios e concursos. Entregaranse os Premios Picadillo, en recoñecemento á traxectoria profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria galega, e os Premios InnoFórum, que son un recoñecemento á innovación na gastronomía. Contarán con tres categorías: produto máis innovador, packaging máis creativo e sabor máis orixinal.

Comparte...