Aceites Abril presenta a colleita para o seu Aceite Galego 100%

Aceites Abril presenta a colleita para o seu Aceite Galego 100%

A recollida da oliva está a piques de terminar para a compañía ousensana Aceites Abril, que a unha semana de pechar a campaña colleitou xa ao redor de 5.600 quilos de olivas, aumentando a súa produción nun 20% con respecto ao pasado ano. Así o explicaron na xornada de presentación da colleita para o seu Aceite Galego 100%, que tivo lugar esta mañá en diferentes instalacións da empresa.

Durante esta xornada os asistentes puideron coñecer como se realiza o vareo nunha leira de oliveiras en Pereiro de Aguiar, para visitar despois a almazara e presenciar o procesado das olivas.

Rubén Guitiérrez, responsable do Departamento de Agro da compañía e encargado de conducir a actividade, explicou durante a visita que o aumento na produción do Aceite Galego 100% débese ao crecemento dos oliveirais plantados nos últimos anos, que xa teñen capacidade para producir un maior número de froitos. A plantación destas árbores débese ao proxecto de recuperación do oliveiral galego promovido por Aceites Abril, que conta xa con máis de 150 hectáreas distribuídas polas 4 provincias galegas.

A pesar deste incremento, a produción do Aceite Galego 100% é aínda limitada: este ano produciranse preto dunhas 3.500 botellas, que se esperan vender integramente a través da páxina web da compañía ou na propia fábrica. Aínda así, Aceites Abril non descarta comezar a introducir o produto nalgúns espazos groumet e tendas especializadas.

A empresa de Ourense atópase en pleno crecemento con máis de 137 millóns de euros facturados en 2015, unha facturación que espera aumentar ata os 160 millóns este ano. Os acordos asinados con importantes empresas da distribución alimentaria permitiron incrementar considerablemente o número de vendas no mercado español; mentres que as exportacións, principalmente a países da UE e outros como Estados Unidos, Xapón, China, Oriente Medio e Rusia, seguen aumentando.

Comparte...