Cata_Abril_Salón de Gourmets

Aceites Abril pon en valor o seu aceite de “oliveiras galegas” no Salón de Gourmets de Madrid

Aceites Abril participou esta semana no 32 Salón de Gourmets de Madrid, o maior evento europeo dedicado aos produtos de calidade do sector agroalimentario. A marca galega presentou no Salón o seu Aceite de Oliva Virxe Extra elaborado con “oliveiras galegas” nunha experiencia gastronómica que tivo lugar durante o mediodía deste mércores. Elena Pérez Canal, Directora de Márketing de Aceites Abril, liderou a degustación, na que o cociñeiro Gerson Iglesias, do restaurante ourensán Adega das Caldas preparou varias propostas gastronómicas con raíces galegas.

Iglesias elaborou diferentes pratos nunha proposta que definiu como “cociña de mercado”. Así, preparou ensalada de xarda, tomate e herbas do litoral, polbo á brasa con aceite de ceboliña e pataca morada e Torta de Santiago fluída con ensalada de froitas. Para preparar cada un dos pratos, incluído a sobremesa, utilizáronse diferentes variedades de aceite da marca, para mostrar aos asistentes os seus diferentes matices. “As variedades de aceite son como especias na cociña, poden cambiar o sabor dos pratos”, afirmou Elena Pérez, condutora da cata.

Desta maneira os asistentes puideron degustar distintas variedades de aceite e probar o seu sabor combinado coa calidade dos produtos cociñados por Gerson Iglesias.Así, Aceites Abril presentou no Salón as variedades Arbequina, Picual e Gotas de Abril. En palabras de Elena Pérez Canal, o Salón de Gourmets “é un espazo moi valioso para establecer sinerxias entre empresas que operan no mercado nacional”.

Ademais, Coren puxo en valor o seu Xamón Selecta de de porco alimentado con castañas e Bodegas Méndez-Rojo, de ViniGalicia achegou o viño godello á degustación, co seu Mil Ríos da D.O. Valdeorras.

Comparte...