Aceites Abril sacará ao mercado o seu primeiro aceite de oliva cen por cen galego

Aceites Abril sacará ao mercado o seu primeiro aceite de oliva cen por cen galego

A empresa ourensá Aceites Abril, presentou a súa primeira produción de aceite de oliva cento por cento galego, elaborado na súa planta de San Cibrao das Viñas (Ourense) a partir de olivas recollidas en plantacións da provincia de Ourense e Pontevedra. Desta maneira a maior empresa de aceites de Galicia súmase á produción e comercialización de aceite galego, que estará dispoñible o próximo ano.

Nos últimos anos Abril impulsou o cultivo do oliveiral en Galicia co obxectivo de incrementar a escasa produción de aceite da comunidade autónoma. O proxecto impulsou nos últimos anos a plantación nunhas 50 hectáreas de aproximadamente 80.000 oliveiras de variedade arbequina e galega, polas súas óptimas condicións para adaptarse á climatoloxía da zona. As plantacións sitúanse en terreos de Verín, Ribeira Sacra, Larouco, Moreiras e Pereiro de Aguiar, na provincia ourensá, e de Tui, Val do Rosal e A Estrada, na pontevedresa. Un total de 20 produtores están implicados no proxecto.

Parte das oliveiras xa están practicamente a pleno rendemento e coas súas olivas elaborouse o aceite presentado hoxe. No entanto, parte do froito non se colleitou co propósito garantir unha excelente calidade o ano que vén. As demais árbores, plantadas aínda en 2011, poderán comezar a dar froito aproveitable no horizonte de 2015.

A empresa, que envasa e comercializa aceites de oliva, xirasol e sementes tanto no mercado español como no internacional, presentou tamén o seu novo aceite gourmet: Pingas de Abril, un produto que estará no mercado en xaneiro próximo.

Abril tamén prevé sacar ao mercado Aouris, un condimento a partir de aceite de oliva empregado polo cociñeiro Flavio Morganti para a súa homenaxe á provincia de Ourense, a través dunha reinterpretación do polbo á feira: o pulpourensis.

Comparte...