Os viños e destilados galegos intensifican a súa actividade promocional

Os viños e destilados galegos intensifican a súa actividade promocional

A coincidencia temporal de citas como Xantar, Vigourmet e FEVINO aumentou o volume de actividades que realizan as distintas denominacións de orixe e indicacións xeográficas nestas datas.

Rías Baixas

Así, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas está presente na VIII edición de Fevino, cun posto propio no que se expoñen 37 marcas, pertencentes a 20 adegas da D.O. Rías Baixas e onde se pode degustar viño xenérico.

Ademais, o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, dentro do apartado “Os viños galegos con D.O. ” realiza unha presentación sobre os viños de Rías Baixas.

Rías Baixas continuará durante marzo co seu programa de actividades, participando en diferentes feiras. As próximas citas serán unha cata seminario o 11 de marzo en Oslo, e en Verona o 14 de marzo; o 24 de marzo, Prowein, en Dusseldorf (Alemaña), que se celebra do 24 ao 26 de marzo.

D.O. Ribeiro

En Xantar, o Ribeiro estivo representado coa participación activa nas actividades da feira. Así, os viños da denominación harmonizaron coa gastronomía peruana, acompañando as receitas do xefe de cociña Marío Céspedes, e coa cociña de máis marcado carácter galego, no taller impartido por Domingo González Lorenzo, con IXP Faba de Lourenzá, Mexillón de Galicia e Tenreira Galega. Ademais, acompañou ao xefe de cociña Flavio Morganti na súa homenaxe gastronómica á provincia de Ourense coa súa receita de Pulpo Auriensis.

O Ribeiro estivo presente nos restaurantes de Xantar, como viño oficial do Restaurante do Inorde e do Restaurante de Perú. Entre os comensais, sorteáronse fins de semana de Enoturismo no Ribeiro. Como colaborador de Expourense, o Consello Regulador celebrou unha recepción ao país invitado do certame, Perú, ofrecendo en Ribadavia un túnel do viño, con representación dunha vintena de marcas da D.O., e unha cea de harmonías.

Finalmente, como patrocinador da exposición Lagares Rupestres de Luis Paadín, dispuxo en Xantar dun espazo para esta exposición, participando no Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas a través dunha visita guiada aos lagares situados na D.O.Ribeiro e a unha das súas adegas.

Xa achegándonos a FEVINO, en Ferrol, o Consello Regulador da D.O.Ribeiro dispón dun posto con representación de vinte marcas e participará nas actividades paralelas da feira. Así abrirá cun seminario compartido polas cinco denominacións de orixe de viño galegas e o martes celebrará ás 12.00 horas unha cata temática na que realizará un percorrido polos 3 principais vales da Denominación de Orixe, con parada nos distintos chans, variedades e elaboracións máis características do Ribeiro.

Augardentes e licores tradicionais

Os destilados amparados polo Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia tampouco faltaron a súa cita anual co Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar 2013. Os destilados amparados polo Consello Regulador estiveron presentes a través do posto da Consellería de Medio Rural e do Mar e tamén a través da cata comentada que a súa secretaria, Carmen Otero, ofreceu o venres.

A cata comentada, dirixida ao consumidor final, permitiu que máis dunha vintena de persoas se puidesen achegar un pouco máis a este tipo de produtos, desterrando algúns dos mitos que os acompañan, como o seu consumo a baixas temperaturas ou a preferencia por un produto sen etiquetar. Esta mesma cata repetirase no marco de FEVINO.

Valdeorras

Os viños da D.O. Valdeorras contaron con caseta propia enXantar e foron protagonistas dunha cata-degustación compartida con conservas de ANFACO e Pan de Cea e dunha presentación. Valdeorras tamén conta con presenza en FEVINO.

Ribeira Sacra

Catro adegas da D.O. Ribeira Sacra están presentes en FEVINO. Son: Ronsel do Sil, Don Bernardino, Millara e Adega Ponte da Boga. Dous das súas adegueiras, Miriam Vázquez de Bodegas Rectoral de Amandi, e María José Iravedra, de Ronsel do Sil, son relatoras na mesa redonda “A muller no mundo do viño”.

O martes 12 chega a presentación da D.O. Ribeira Sacra, nunha cata impartida pola técnica da denominación de orixe Eva Álvarez Arza.

En Xantar tampouco faltaron houbo degustacións de viños da D.O.Ribeira Sacra e distintas catas comentadas. Ademais, o obradoiro de cociña con produtos adscritos ao CRAEGA maridou con viños ecolóxicos desta denominación.

Monterrei

Por último, a D.O. Monterrei participou en Xantar a través de maridaxes, catas comentadas, e sendo o viño dos menús de Ríos-Verín e do menú degustación de razas autóctonas de Galicia. En FEVINO tomar parte nas actividades dedicadas a “Os 5 magníficos”. 

Comparte...