Os afecionados agardan a chegada das primeiras lampreas

Os afecionados agardan a chegada das primeiras lampreas

Como cada comezo de xaneiro, as redes volven pouco a pouco ás pesqueiras dos ríos galegos na procura dese peixe antediluviano que tanto gusta aos afeccionados e que segue sendo a raíña dos primeiros meses do ano en moitas mesas da provincia de Pontevedra e sur da Coruña: a lamprea.

Dende o primeiro de xaneiro os valeiros de Pontecesures xa teñen permiso para fondear as súas redes ao tempo que tamén están abertas as primeiras pesqueiras de Areas (Herbón) no mesmo río Ulla. O próximo dous de febreiro abrirá un segundo grupo de pesqueiras de Herbón e o nove do mesmo mes o resto de pesqueiras do río Ulla. As primeiras en abrir serán tamén as que antes pechen o seu período de capturas (28 de marzo), mentres que as últimas chegarán ata o 10 de maio.

Polo que respecta ao río Tea, o período hábil de capturas será desde o 19 de xaneiro ata o 30 de abril. A actividade realizarase en días alternos, pescando os luns, mércores e venres desde as estacadas impares e os martes, xoves e sábados desde as pares.

O sistema de pesca en estacadas deste río pontevedrés é moi diferente do habitual no resto de zonas lampreeiras. Consiste na instalación de “estacadas”, é dicir, pontes ou pasarelas perpendiculares á dirección da corrente, construídas con madeira apoiada en pilotes, que non impide o paso da corrente do río, e polo tanto das lampreas, baixo a mesma. Dende esa estacada, cunha fisga de ferro, captúranse as lampreas, que son atraídas por medio de focos de luz artificial.

Finalmente, no río máis lampreeiro de Galicia, o Miño, a temporada de capturas abriuse no tres de xaneiro na zona final do mesmo (A Guarda), mentres que na zona de Arbo e As Neves non será ata mediados de febreiro.

As primeiras impresións dos lampreeiros é que de momento a pesca vai ser escasa dado o pouco caudal dos ríos. Pola contra, a campaña de 2014 foi excepcional en canto ao número de capturas realizadas.

Comparte...