Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia alcanza a mellor cifra dos últimos 5 anos

Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia alcanza a mellor cifra dos últimos 5 anos

A cualificación de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia alcanzou un novo récord en 2016, continuando, deste modo, a tendencia ascendente no consumo dos destilados con certificación de orixe e calidade. Así o corrobora o balance do pasado exercicio, “alcanzando os mellores resultados dos últimos cinco anos”, indica o seu presidente, José Antonio Feijóo, quen se mostra “moi satisfeito cos excelentes resultados tanto de cualificación como de emisión de contraetiquetas”.

O Consello Regulador cualificou en 2016 un total de 379.135 litros de destilados, o que supón un incremento do 37,14% con respecto ao exercicio anterior. A expedición de contraetiquetas, pola súa parte, viuse incrementada nun 41,6%, pasando das 415.482 de 2015 ás 588.558 expedidas o pasado ano. En palabras de José Antonio Feijóo, “este último é o rexistro máis fiable, xa que reflicte as botellas que chegan ao mercado”.

Licor de Herbas de Galicia, o máis solicitado

Por Indicacións Xeográficas, a do Licor de Herbas de Galicia é da que se expediron maior número de contraetiquetas durante 2016, con 192.602, un 8,3% máis que en 2015. Séguelle o Augardente de Herbas de Galicia, con 184.545 contraetiquetas expedidas. O aumento con respecto ao exercicio anterior foi, neste caso, dun 81%, o maior de todos os destilados amparados se exceptuamos o Licor de Herbas de Galicia. O terceiro producto con maior demanda é o Licor Café de Galicia, que pasou das 128.306 contraetiquetas en 2015 ás 183.895 expedidas en 2016. Pecha o listado o Augardente de Herbas de Galicia, que foi o produto que rexistrou unha maior demanda, case quintuplicando as contraetiquetas, cun incremento das 4.339 de 2015 ás 25.666 de 2016.

Perspectivas

A pesar de tratarse dun sector moi castigado non só pola comercialización ilegal de produtos, os Augardentes e Licores Tradicionais víronse tamén moi afectados pola recesión económica. Non obstante, “nos últimos tres anos vimos cómo o consumo dos destilados amparados polas nosas catro Indicacións Xeográficas rexistraron unha tendencia á alza chegando en 2016 a un novo récord tanto en número de litros cualificados como en contraetiquetas emitidas”, explica o presidente do Consello Regulador.

“Este incremento –engade- pode estar motivado non só por unha mellora da economía, senón tamén por unha maior concienciación sobre o consumo de produtos debidamente etiquetados e que ofrezan todas as garantías ao consumidor sobre a calidade e a orixe destes destilados. A esta situación cabe engadir que desde os corpos de seguridade séguense desenvolvendo accións para acabar coa gran lacra do comercio ilegal de augardentes e traballo que se debería reforzar máis e no que deben colaborar outras administracións”, conclúe.

Desde o Consello Regulador, ademais, continúan desenvolvendo iniciativas que, segundo indicou José Antonio Feijóo, “axuden a concienciar ao público sobre a importancia de consumir produtos con todas as garantías, como os amparados polas nosas catro Indicacións Xeográficas. Ao mesmo tempo, buscamos pór en valor o potencial dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia tanto na coctelería como na gastronomía”. Entre elas, cabe mencionar tanto a participación no  Campionato de Coctelería de Galicia, como as Xornadas de Degustación e Maridaxe que se veñen celebrando nos últimos anos tanto en Cambados como no Casino La Toja.

A seguinte acción promocional levarase en breve a Madrid. “O vindeiro 8 de maio celebraremos unha presentación dos nosos produtos amparados na Casa de Galicia. Os asistentes terán a oportunidade de participar  nunha cata e nun Túnel dos Augardentes e Licores de Galicia, ademais comprobar a valiosa aportación dos destilados galegos na coctelería”, detalla Feijóo.

Comparte...