O chef Alberto Lareo e o empresario Antonio Muiños, nun showcooking sobre vexetais de marisma no CIFP Compostela

O chef Alberto Lareo e o empresario Antonio Muiños, nun showcooking sobre vexetais de marisma no CIFP Compostela

O CIFP Compostela continúa cos actos de celebración do seu 50 aniversario, desta vez cun showcooking-cata a cargo do chef Alberto Lareo, ex alumno do centro e propietario do restaurante Manso de Santiago de Compostela. O cociñeiro centrou esta clase maxistral na cociña baseada nos vexetais de marisma, unha das súas especialidades.

Ademais, durante o showcooking Lareo contou  co apoio de Antonio Muiños, copropietario da empresa galega Porto Muiños, pioneira na comercialización de algas. O empresario faloulle aos asistentes, entre outros temas, do funcionamento da súa compañía, da evolución e o éxito comercial dos seus produtos, do proceso de produción das algas dende a súa recollida nas costas galegas ata chegar aos pratos de comensais de toda España e Europa, e do valor nutricional e culinario destes vexetais de marisma, cada vez máis importantes na nova cociña galega.

Ao longo das dúas horas que durou o acto, Alberto Lareo elaborou en directo varios pratos, incluíndo a sobremesa, nos que as verduras, o peixe e as froitas compartiron protagonismo coas algas, combinando sabores e texturas con esencia atlántica.

Máis actividades

As actividades programadas polo 50 aniversario do CIFP Compostela arrancaron o 18 de abril e finalizarán no mes de novembro: este mes de maio é o último con eventos programados antes do parón estival. O vindeiro martes 30 terá lugar unha conferencia sobre ‘O éxito empresarial en restauración. A figura do chef emprendedor’, na que se analizarán varios casos de éxito ligados a cociñeiros de renome: Sergi Arola, Pepe Vieira, do restaurante Pepe Vieira & Ultramar; e Yago Pazos e Marcos Cerqueiro, do Abastos 2.0 & Barra Atlántica.

Comparte...