Alberto Lareo, sobre o peche de Manso: “as veces fai falla parar para poder coller impulso”

Alberto Lareo, sobre o peche de Manso: “as veces fai falla parar para poder coller impulso”

É a noticia da semana, e poida que a do mes, no panorama gastronómico galego: tras 7 anos en Santiago de Compostela, o restaurante Manso do chef Alberto Lareo pecha as súas portas o domingo 14 de abril.

Así o anunciaron nas redes sociais do local, nun comunicado no que dan as grazas “a todas as persoas que durante este tempo formaron parte do equipo de Manso” e aos clientes “que visitaron o noso restaurante, que probaron os nosos pratos, que nos guiaron para mellorar e que confiaron en nós desde que o restaurante abriu as súas portas”.

Despois de formarse en diferentes países con cociñeiros da talla de Toñi Vicente, Eneko Atxa, Marcelo Tejedor, Jacques Maximin ou Jean- François Piège; Lareo abriu o seu propio restaurante na céntrica Avenida de Vilagarcía con tan só 25 anos. Os recoñecementos empezaron a chegar unhas poucas tempadas despois, tras un cambio de investidores e unha importante reconversión conceptual que lle permitiu desenvolver toda a súa creatividade entre fogóns e centrase por completo na proposta gastronómica de Manso: finalista a “ Cociñeiro do Ano” no Fórum Gastronómico de 2015 e a “Cociñeiro Revelación” en Madrid Fusión 2016; nomeado no Certame Internacional á Mellor Croqueta de Xamón do Mundo en Madrid Fusión 2018; e restaurante recomendado e con mención especial nas tres últimas edicións das prestixiosas guías Repsol e Michelin.

Con esta traxectoria é comprensible a noticia do peche pillase por sorpresa a moitos composteláns e asiduos do local, pero o chef ten claro que tomou a decisión correcta: “pechar un restaurante que funciona, como é o caso de Manso, non é unha decisión sinxela e entendo que poida sorprender, pero é algo moi meditado e creo que este é o mellor momento para facelo.”

Ante a inevitable pregunta de cales son os seus plans para partir do 14 de abril, Lareo asegura que “non vou deixar de ser cociñeiro” pero que o primeiro que fará será descansar: “o día a día dun restaurante é moi intenso e ás veces é necesario parar para poder coller impulso, soñar novas metas e afrontar próximos retos con forzas e ganas renovadas”.
Con este peche Santiago perde un dos seus restaurantes de referencia, polo que os amantes da boa mesa deben darse présa para degustar as últimas creacións do chef que, como conta no seu comunicado, neste momento só pensa en gozar xunto aos seus clientes “ata o último bocado de Manso”.
Comparte...