Alumnos de Hostalería do CIFP Compostela viven a vendima no Pazo Baión

Alumnos de Hostalería do CIFP Compostela viven a vendima no Pazo Baión

Antes de que a vendima toque ao seu fin, corenta alumnos de Hostalería do CIFP Compostela de Santiago desprazáronse esta semana á adega Pazo Baión, en Vilanova de Arousa, para vivir todo o proceso da recollida dos acios, a súa selección e o seu procesado posterior.

Foi a enóloga da adega, Andrea Obenza, a encargada de acompañar ao grupo aos viñedos para explicarlles que os acios se cortan de forma manual e deposítanse con coidado nas caixas para preservar a súa calidade. Despois, xa na adega, puideron ver como se selecciona coidadosamente a uva antes de ser procesada.

Os alumnos recibiron tamén información sobre as singulares características da finca pazo Baión e a súa influencia nos viños que elabora, ourtogándolles unha gran complexidade e tipicidade. Un dos obxectivos da visita era, ademais, que os estudantes de Hostalería do CIFP Compostela puidesen ampliar coñecementos sobre a variedade da uva albariño, orixinaria de Galicia e coa que se elaboran os coñecidos brancos que lle dan sona á D.O. Rías Baixas. Por iso é polo que se interesaron polos tres viños de Pazo Baión e os seus singulares procesos de elaboración.

Como adoita ser habitual nas visitas guiadas que ofrece Pazo Baión, os alumnos de Hostalería puideron gozar dunha cata na que degustaron os albariños Condes de Albarei e Pazo Baión, dos que destacaron a súa intensidade aromática e frescura.

Comparte...