Alumnos do IES Otero Pedrayo de Ourense visitan as instalacións de Aceites Abril

Alumnos do IES Otero Pedrayo de Ourense visitan as instalacións de Aceites Abril

Preto de medio centenar de alumnos do IES Otero Pedrayo de Ourense visitaron esta mañá as instalacións de Aceites Abril no polígono de San Cibrao das Viñas, con motivo da presentación do aceite Oliveiras Galegas. Así, este grupo de escolares de primeiro de bacharelato puido gozar dunha completa visita á almazara, na que coñeceron de primeira man o funcionamento e procesado das olivas para a elaboración do aceite. O responsable do Departamento de Agro da compañía Rubén Gutiérrez, que lles acompañou durante a visita, destacou que os alumnos se sorprenderon ao saber que “que o aceite que sae da almazara xa se pode consumir directamente”.

Durante a visita, Gutiérrez ofreceu tamén datos sobre a produción anual da compañía e a evolución do proxecto para a recuperación do oliveiral galego, que este ano alcanza o seu décimo aniversario e do que destacou que “case a metade das oliveiras” incluídas na iniciativa alcanzaron este ano  a súa “plena produción”, unha tendencia que esperan siga consolidándose durante as próximas campañas.

A aceiteira galega prevé que este ano o proxecto alcance unha produción de 22.000 quilogramos de olivas, coas que se elabora o óleo 100% galego ” Oliveiras Galegas”. Desta colleita obtivéronse máis de 2.000 litros de aceite premium, envasados nunhas 9.000 botellas de 250 mililitros. A distribución deste exclusivo aceite galego comezará a comercializarse en grandes superficies a mediados de decembro ata fin de existencias.

Comparte...