“Artesanía no prato” con Solla, Héctor López e Taky nos Pendellos da Golada

“Artesanía no prato” con Solla, Héctor López e Taky nos Pendellos da Golada

A gastronomía volve una no máis ao III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular, Corazón da Artesanía, que organiza a Consellería de Economía e Industria nos Pendellos de Agolada do 4 ao 6 de xullo, que inclúe dentro do seu programa de actividades a iniciativa “Artesanía no prato”, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas propostas da cociña galega.

Xunto con produtos artesanais de todo tipo (cerámica, xoiaría, etc.) máis dunha trintena de postos de alimentación ofrecerán exposición e venda dos seus produtos. Entre as novidades deste ano atópanse produtos como cervexas artesanais, confeiterías de prestixio, ovos ecolóxicos ou varios proxectos innovadores de conservas.

Ademais haberá cinco talleres de cociña con degustación a cargo de Pepe Solla, Héctor López (restaurante España) e Xavier Rodríguez Ponte “Taky”, que mostrarán a súa cociña a grupos reducidos de público que catará os pratos cociñados.

Iniciará os talleres Héctor López, coa seguinte proposta de degustación: empanada aberta de ventrecha de bonito con pan de brona; croqueta líquida de Boletus edulis; ovo a baixa temperatura con carbonara de San Simón; sardiña de San Xoán con maionesa de carbón; crema de queixo de tetilla con xelatina de mel. Realizará dous talleres á unha e media e tres da tarde do sábado.

Tamén o sábado, as seis e media, intervirá Pepe Solla, co seguinte menú: falsa trufa; mar; bocata de sardiña braseada; o ovo que non é.

Finalmente, o domingo, de novo en dous pases á unha e media e tres da tarde, será a quenda de Taky, que ofrecerá crema de tomates asados ao tomiño limón, queixo de ovella fresco e roxón; polbo frito con fariña de millo, maionesa de ourizos e allo asado; costela de porco glaseada, salteado de mazá e xelea de viño tinto; escuma de castaña á augardente, galleta de nata e xelatina de licor café; brownie de chocolate puro con inxección de crema de augardente.

Os interesados en participar nestes talleres deberán reservar a súa praza a través do correo correo@adaptaconsultores.com ou do teléfono 981 573 017.

O Encontro de Artesanía é un bo momento para coñecer un singular espazo arquitectónico como son os pendellos de Agolada, un antigo mercado en pedra que cobra vida con este tipo de actividades.

Programas:

Artesania plato programa
Artesania Agolada programa

Comparte...