Arzúa celebra a súa 42 edición da Festa do Queixo

Arzúa celebra a súa 42 edición da Festa do Queixo

A 42 edición da Festa do Queixo de Arzúa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, celébrase do 3 ao 5 de marzo. A actriz e presentadora viguesa María Castro será a encargada de ofrecer o pregón de apertura oficial. Será o sábado ás 12 da mañá no Campo da Festa do concello coruñés. Antes, a programación inclúe actividades culturais pensadas para todas as idades.

O sábado 4 de marzo será presentada a escultura homenaxe ás queixerías, feicha de queixo a tamaño natural, de case 500 kg de peso. Unha peza única no mundo. Está elaborada pola Queixería Barral e feita nun molde de 2,10 metros, feito en impresora 3D.

Música e Queixo Maquetón 

A 42 edición inclúe unha importante participación musical. Este ano serán dous días de concertos de balde, coa presenza o sábado 4 de artistas de prestixio como M-Clan, que presenta novo disco; Fuel Fandango; ou o DJ Ale Acosta. O grupo onubense DELBOSQUE, gañador do 9º concurso Queixo Maquetón, dará un concerto para abrir o festival. Será tamén o sábado, ás 21.30 horas. domingo 5, será a quenda de artistas galegos de recoñecemento internacional como Mercedes Peón e Milladoiro.

O domingo, terá lugar unha das novidades desta 42 edición. Trátase da organización, no recinto feiral, dunha Master Class de Cociña a cargo de Beatriz Sotelo, unha das cociñeiras do Grupo Nove, do Restaurante Estación. A única chef galega Estrella Michelín. Tamén haberá un obradoiro de repostería creativa para os máis pequenos e outras moitas actividades que vai desenvolver E.F.A. Piñeiral de Arzúa  no seu stand.

O Concurso de Tapas e Petiscos é outra das actividades desta 42 edición. Un total de 27 locais participan nesta iniciativa.

Este ano aumentaron considerablemente as novas queixerías inscritas, cun total de 70 expositores, o que significa que haberá cheo absoluto no feiral, estando esgotados os postos dispoñibles. Ata Arzúa achegaranse varias queixerías novas de todas partes de España e varios premios World Cheese Awards. Ademais, estarán presentes outros postos que ofrecerán outro tipo de alimentos típicos de Galicia e doutros lugares: Doce de algas, crema de mirabeis, pementón de La Vera e moitos outros produtos gourmet. Tamén estarán presentes os concellos veciños de Boimorto e Melide, este a través da asociación Melide Terra Doceformada por las casas ‘melindreiras’ Estilo, Tahona, Melchora e Trisquel.

A semana anterior á fin de semana grande da feira, realizáronse varias actividades, como o 5º Ciclo de Cine Clásico. Igualmente, por quinto ano, as catas comentadas con queixo da D.O.P. Arzúa-Ulloa dirixidas os centros educativos, organizada en colaboración co Consello Regulador.

A Festa do Queixo de Arzúa é o motor económico para este concello e a comarca. Desde 1975, cada primeira fin de semana de marzo, o queixo e a cultura son os grandes protagonistas en Arzúa. A festa e a vila transfórmanse nunha espiral de acontecementos de carácter gastronómico, musical, cultural, artesán, tecnolóxico, tradicional e innovador.

Comparte...