Volve ás Neves a Feira do Requeixo e do Mel

Volve ás Neves a Feira do Requeixo e do Mel

O vindeiro 14 de abril celébrase a XXVI Feira do Requeixo e do Mel e o Concello de As Neves (Pontevedra) e as persoas implicadas na organización da festa queren dar a coñecer as orixes desta festa e da elaboración deste produto.

A elaboración de requeixo nas casas facíase como sustento familiar e para sacar uns cartos para a mantenza da familia aproveitando o excedente do leite. Esta tradición está acompañada cun xeito de vivir nesa época e que, o ano pasado, causou moita impresión nos nenos do Ceip do concello, xa que non daban creto a como se vivía antano. Por iso, a organización da Feira do Requeixo e do Mel quere que esta historia non se perda no esquecemento e dalgunha forma contribuír a gardar esta memoria.

Por este motivo, este ano a festa inclúe unha serie de actividades paralelas que levan por nome Orixes, para dar a coñecer toda historia, tanto oral, como etnográfica e patrimonial. As mulleres que no seu día realizaban este traballo e que aínda hoxe o fan serán as encargadas de contar a historia.

O requeixo das Neves, que hai que diferenciar do requesón, diferénciase dos requeixos que se elaboran no norte de Galicia en que os do norte son máis brandos e o das Neves pódese comer con garfo. Isto é debido á súa elaboración.

Na parroquia de Cerdeira xa quedan poucas señoras que fagan o requeixo na casa por iso con esta festa a organización quere dar a coñecer esta tradición. As grandes protagonistas deste evento serán Luz, Isabel, Amalia, …. Señoras encantadas de contar as historias e que gardan nas súas mans e cabezas os segredos da elaboración deste produto. Pero semella que a continuidade está asegurada. Na parroquia de Lentille comézase a elaborar de novo Requeixo da man de mulleres como Carmen e Esperanza. Mulleres empeñadas en que este produto se conserve e se siga elaborando para que os consumidores poidan gozar del.

Comparte...