O Asador O’Pazo estrea Rescaldo, o seu novo menú, colaborando coa reforestación de Chandebrito

O Asador O’Pazo estrea Rescaldo, o seu novo menú, colaborando coa reforestación de Chandebrito

O Asador O’Pazo vén de estrear Rescaldo, un novo menú degustación composto por máis de dez pratos cunha peculiaridade común: todos eles, desde os entrantes ata as sobremesas, elabóranse nas brasas do restaurante padronés baixo o mando do chef Óscar Vidal.

Precisamente o protagonismo que a brasa ten neste establecemento foi determinante para escoller o nome do menú, unha palabra composta polos termos “res“, gando vacún, e “caldo“, comida tradicional galega, que tan ben definen a proposta gastronómica do asador e que unidas nos deixan un novo significado: rescaldo é a denominación que recibe o conxunto de pequenas ascuas que permanecen acendidas entre as cinzas cando xa se apagou o lume.

Seguindo con esta liña, e tras unhas primeiras semanas de rodaxe no local que serviron para poñer a punto cada un dos detalles en torno ao menú, a dirección do Asador O’Pazo quixo dar un paso máis e “terminar de pechar o círculo e redondear do todo” o seu novo menú colaborando coa iniciativa solidariaÁrbores de Cinza“. Esta campaña posta en marcha pola asociación Galicia Ambiental pretende sensibilizar á poboación sobre a importancia do bosque autóctono galego e colaborar na súa reforestación tras os graves incendios que arrasaron o sur de Galicia fai algo máis dun ano.

Así, todas as persoas que se acheguen ao Asador O’Pazo e proben Rescaldo estarán a achegar o seu gran de area coa recuperación forestal de Chandebrito, zona cero desta catástrofe ambiental, e a causa á que o restaurante doará unha porcentaxe coa venda de cada menú. A iniciativa conseguiu plantar xa máis de 2.000 árbores na localidade nigranesa, unha cifra que pretenden aumentar en 2019 á vez que ofrecen charlas e conferencias divulgativas en diferentes centros escolares da comunidade. A estas dúas causas irá destinado todo o recadado polo Asador O’Pazo.

Gozar de Rescaldo convértese, deste xeito, na mellor forma de colaborar coa reforestación do bosque galego degustando á súa vez excelentes materias primas do mar e da terra e os mellores produtos da horta padronesa. Para isto só é necesario facer unha reserva previa no teléfono 981 811 312.

Comparte...