A Asociación Galega de Apicultura e Allariz celebran o Día Mundial da Abella

A Asociación Galega de Apicultura e Allariz celebran o Día Mundial da Abella

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Allariz celebran o 20 de maio o Día Mundial da Abella cunha gran xornada sobre os polinizadores

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz acollerá esta gran xornada de divulgación sobre a importancia das abellas e dos polinizadores, pola que pasarán 300 nenos durante a mañá. Ademais, pola tarde participará o público visitante dos xardíns, que poderá contemplar unha gran casa de polinizadores, colmeas de abellas e abellóns, e participar en distintos obradoiros.

O 20 de maio foi declarado pola Federación Internacional de Asociacións de Apicultura (Apimondia) o Día Mundial das Abellas. Celebrarase ó mesmo tempo en diferentes países do mundo co obxectivo de divulgar a importancia das abellas e os beneficios que nos aportan.

Este ano AGA e o Concello de Allariz súmanse a esta iniciativa para dar visibilidade e sensibilizar sobre a importancia non só das abellas, se non tamén do resto de polinizadores, gracias ós cales se mantén a biodiversidade e a produción de alimentos. Só en Europa, o 84% dos cultivos e o 80% das flores silvestres dependen da polinización dos insectos. O Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que este ano se titula “Os xardíns do futuro”, será o entorno perfecto para falar da importancia dos polinizadores e do coidado do medio ambiente como garantía de futuro do planeta e dos seus habitantes.

Os xardíns acollerán as actividades programadas, que organizan conxuntamente AGA e o Concello de Allariz, e consistirán en varios obradoiros nos que os participantes vestirán o traxe abelleiro, poderán observar a presencia de abellas e abellóns polos xardíns, elaborarán casas de polinizadores para colocar en hortas e xardíns, candeas de cera de abella e aprenderán a importancia do mel nunha alimentación saudable.

Comparte...