O Camiño a Fisterra Muxía amosou os seus recursos, como a gastronomía, nun evento de Solpor

O Camiño a Fisterra Muxía amosou os seus recursos, como a gastronomía, nun evento de Solpor

Empresas e colectivos desta prolongación da ruta xacobea, incluídos hostaleiros e da restauración, presentáronse no Hostal dos Reis Católicos

Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía ofreceu o venres  25 de outubro “Un MAR de GRAZAS” á cidade de Santaigo cun evento que tivo lugar no Hostal de los Reis Católicos.

No acto divulgáronse as propostas de máis de 60 empresas e colectivos procedentes do Camiño Fisterra-Muxía, cun workshop e unha parte institucional; posteriormente houbo degustación de produtos da Costa da Morte e doutros concellos desta ruta.

Entre os participantes foi senlleira a presenza de profesionais da restauración e da hostalería.

Jesús Picallo, presidente de Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, salientou que: “Compostela é un elemento chave para a sustentabilidade de centos e centos de negocios que teñen asentada a súa actividade na ruta do Camiño ou nas súas proximidades. Esta cidade está chea de prescriptores, embaixadores e recomendadores da nosa ruta e dos nosos negocios, e ese é un valor que, pensamos, non está o suficientemente recoñecido”.

Así, con Un MAR de GRAZAS: “O que buscamos é asentar a primeira pedra dunha alianza estable, dunha relación duradeira que busque as sinerxías entre empresas e profesionais, en prol dun beneficio mutuo. Ofrecer un coñecemento directo da nosa oferta turística, dos nosos recursos naturais, das nosas xentes e os nosos costumes; e deste xeito levar a mensaxe de que a prolongación do camiño a Fisterra-Muxía merece mais que a pena”

Sobre a Asociación Solpor

A Asociación Camiño do Solpor naceu no 2014 como a unión dos empresarios da contorna do Camiño Fisterra-Muxía que están vinculados, de calquera xeito, coa ruta. Así, nela entran albergues, hoteis, casas rurais, empresas de transporte, fisioterapia, provedores para a restauración…

Os seus obxectivos son promocionar este itinerario, mediar ante as administracións, loitar contra as malas prácticas, e, en xeral, mellorar a experiencia dos peregrinos que o escollen.

Dende entón puxeron en marcha numerosas accións, como o portal https://www.caminodesolpor.gal/ ou o deseño dunha credencial deste vieiro e dun mapa cos lugares de interese da ruta.

Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, reúne a máis de 140 socios de 12 concellos: Ames, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Negreira, Outes, Santiago e Vimianzo.

 

Comparte...