Últimas prazas para as aulas activas de cociña da Universidade de Santiago, abertas a todos

Últimas prazas para as aulas activas de cociña da Universidade de Santiago, abertas a todos

As clases dos primeiros cursos inícianse a próxima semana e os interesados poden informarse nos teléfonos  88181018 e 881811103

A Universidade de Santiago prende de novo os fogóns da cociña do comedor do Colexio de Fonseca. Será na segunda edición das aulas de gastronomía pedagóxica, abertas a membros da comunidade universitaria pero tamén ao público xeral, que pechan as prazas para os primeiros cursos en iniciarse dos sete cursos previstos.

O  luns 17 de novembro comeza o curso monográfico de cociña de outono, no que se ensinarán receitas orixinais e sinxelas con produtos de tempada como os cogomelos ou as castañas. Este curso estenderase ata o 15 de decembro con clases de 2 horas de duración os luns.

Xa o 18 de novembro se inician outros dous que se alongarán ata o 26 de maio: os cursos de niveis 1 e 2 que se corresponden cun coñecemento básico ou avanzado das técnicas de cociñado, respectivamente, e que se impartirán durante unha hora e media semanal nas tardes dos martes.

O profesorado de prestixio conta cos cociñeiros Daniel Pulzoni, Jorge Carou ou a sumiller Mercedes González

Ademais están previstos outros tres cursos monográficos. En xaneiro as tapas e pinchos de festa serán os protagonistas, mentres que en febreiro terá lugar un de cociña con arroz e en marzo a cociña do mar, cunha atención especial ao uso de algas. O programa rematará cun curso de cata de viños a desenvolver entre marzo e maio.

Para conseguir toda a información sobre os cursos e formalizar a matrícula, as persoas interesadas deben dirixirse á Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, no Colexio de San Xerome, ou chamar aos teléfonos 88181018 e 881811103.

Comparte...