Aumenta a participación na segunda edición de ‘Santiago Paixón Doce’

Aumenta a participación na segunda edición de ‘Santiago Paixón Doce’

A segunda edición de ‘Santiago Paixón Doce’, que se celebrará do 7 ao 17 de abril, contará con 29 locais participantes, nove máis que o ano pasado, que incluirán nas súas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa, como torradas, leite frito, bolos de vento, rosquillas, melindres, rosca, chocolates ‘de paixón’, tortas ou doces conventuais.

Os doces típicos poderán tomarse como sobremesa, tralas comidas ou ceas, ou incluso na propia barra dos restaurantes e cafeterías, sen ter que pedir un menú. Nesta segunda edición tamén se abriu a participación a outro tipo de locais como confeiterías, panaderías ou reposterías.

Na primeira edición, que se celebrou o ano pasado, houbo 20 locais participantes, nos que se consumiron máis de 1.300 doces. Coa apertura a outros sectores, o evento pretende acadar unha maior dimensión e chegar a máis público, tanto de visitantes como de poboación local.

Os establecementos participantes son: Bicoca, Metate, O Celme do Caracol, Los Caracoles, Cre-Cotte, Casino, Cervantes, Airiños Aires, Enxa, Rey, Stollen, A Charca, Góndola, Góndola II, A Grella, Herma Pastelería, La Alacena de Cris, Farggi, Don Quijote, Pastelería Ébano, Pan da Moa, A Curtiduría, Reno e Taberna de Montes.

‘Santiago Paixón Doce’ está organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. O obxectivo do evento é triplo: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa, consolidar a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada, e poñer en valor a tradición larpeira da cidade máis aló da Tarta de Santiago.

Comparte...