Puñado de percebes en Barra Atlántica Madrid, del grupo Abastos 2.0

Barra Atlántica Madrid será unha “marisquería moderna” a partir do 27 de novembro

Abastos 2.0 abre o seu quinto local no barrio madrileño de Chueca antes de lanzarse á aventura internacional coa apertura en Oporto.

“Moluscadas”, “puñados de marisco” (manoxos de moluscos servidos ao máis puro estilo das lonxas mariñeiras galegas), “PeixesNús” (“peixes espidos” en ceviche ou sashimis “imperfectos”) e “peixes do día” (pezas frescas recolleitas no mar no mesmo día) comporán a parte fundamental da oferta da “marisquería moderna” que os de Abastos 2.0 ofrecerán ao público madrileño a partir do 27 de novembro no Barra Atlántica Madrid, que abrirá as súas portas ese día no número 17 da rúa Gravina, no céntrico barrio de Chueca.

O local ofrecerá tres espazos e tres conceptos diferentes, emprazados en dúas plantas:

[entre]Portas: zona de aperitivo á entrada do local con mesas altas nas que poder gozar de SesiónVermú (de 12.30 a 15.30 horas) e MerendaCea (de 20.00 a 23.00 horas). Sen opción de reserva. Prezo medio: de 15 a 30 euros.

[comedor]: un espazo que consta dunha tradicional mesa corrida “estilo pulpería”, de 20 prazas. Baixo reserva, con dous pases (Xantares de 13.30 a 15.00 horas e Ceas de 21.00 a 22.30 horas) e un menú “Dáme dComer” por 25 euros .

[-1]: “A mesa dos amigos”, un privado a “PortaPechada” na planta inferior. Con reserva previa e cun “Menú Mariscada” cun prezo final de 105 euros, sen sorpresas, incluíndo maridaxes.

Segundo afirman os responsables de Abastos 2.0, Barra Atlántica Madrid garante ao cen por cen a orixe galega dos produtos que serven, a máxima frescura, tamaño óptimo e respecto ás vedas, así como a calidade de conservación e os adecuados puntos de cocción.

As reservas poderanse realizar tanto online, a través da súa axenda web (www.barratlantica.com), como por teléfono (619 155 794) ou correo electrónico (madrid@barratlantica.com). O local abrirá de luns a venres (de 12.30 a 15.30 e de 20.00 a 23.00 horas) e os sábados só en SesiónVermú (de 12.30 a 15.30 horas) e a “PortaPechada”.

Quinto local do grupo

Aquela experiencia un pouco tola que naceu o 31 de decembro de 2009 da unión de varios postos exteriores da praza de abastos de Santiago de Compostela deu paso, en so seis anos a un grupo formado por cinco locais, catro dos cales se atopan en Galicia.

Primeiro foi a Taberna, inaugurada en 2009, e despois o Ghalpon (2011), no local situado fronte á taberna, que antes fora unha vella tenda de zapatos na que usaban as follas dun calendario para poñer prezo aos seus produtos.

De Santiago, Abastos saltou á ría de Arousa en 2013 coa reapertura do Loxe Mareiro, unha vella taberna mariñeira que o mar salpica nos días de temporal. Volveron a Compostela en agosto de 2015, coa apertura de Barra Atlántica Compostela, e agora chegan ao centro de Madrid. O próximo destino xa está fixado e podería ser unha realidade en 2016, coa volta de Barra Atlántica á beira do océano que lle da nome, coa apertura dun local en Oporto.

Comparte...