Xa está na rúa BenBo 5 co marisco máis caro do mundo en portada

Xa está na rúa BenBo 5 co marisco máis caro do mundo en portada

Coñeces o marisco máis caro do mundo? Seguro que algunha vez nas praias galegas atopaches unhas rechamantes cunchas de interior anacarado e buracos polo bordo. Son as cunchas da peneira ou orella de mar, que nos países de oriente alcanza prezos aos que non chega ningún outro marisco. No número cinco de BenBo (que nestes días chegará aos  puntos de venda e ás casas dos nosos suscritores) contamos que nos próximos anos Galicia poderá converterse no primeiro produtor de Europa grazas á planta instalada en Muros. Pero se non queres esperar ao ano próximo, algúns barcos galegos captúrana por encargo.

Tamén mostraremos a maneira de cociñala, tanto ao estilo oriental como ao máis puro estilo galego. Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña, móstranos as súas receitas para un marisco que de mozo recollía na súa Fisterra natal. E, naturalmente, fálanos da súa cociña.

Tamén facemos un amplo repaso polas once variedades de pementos autóctonos galegos. Si, autóctonos, porque aínda que o pemento proceda de América, estas variedades orixináronse en Galicia.

A nosa comarca é, neste número, o Ribeiro “ou os vales do ouro”, como figura no título. Unha comarca centrada no viño na que tamén se poden atopar outras ofertas gastronómicas.

E seguindo no mundo do viño tratamos do proxecto “Norte e Sur”: un galego, un andaluz de orixe galega, un francés e un austríaco… Parece un chiste pero vai moi en serio. Como serio se pon Dominique Roujou, un francés namorado de Galicia e os seus viños, analizando o potencial do país para a produción de grandes viños.

Tamén nos fixamos no mundo do viño na sección Conciencia para dar conta da presenza de variedades coñecidas de vide en retablos barrocos de Galicia e Asturias, segundo indica o estudo realizado por expertas da Misión Biolóxica de Galicia.

No apartado doce pasámonos por Celicatesen, unha pastelaría coruñesa dedicada especialmente aos celíacos, pero na que tamén prestan unha atención especial a calquera outra alerxia ou intolerancia alimentaria.

Montamos Mesa e Mantel para dous blogueiros, ambos os dous amantes do viño pero xeograficamente en polos opostos. Reunimos a Alexandro Morán, que aínda que resida desde hai dous anos en Santiago de Chile segue sendo un referente entre os mellores blogs gastronómicos galegos (Pantagruel Supongo) e a Bernardo Manteiga, do blog Enofílicos, ansioso por coñecer a oferta enogastronómica chilena.

A semblanza “moi persoal” está dedicada esta vez ao cociñeiro Pedro Roca, “un tipo vintage”, mentres que a diáspora lévanos ata Tenerife, onde oficia nun dos grandes restaurantes da illa o galego Carlos Villar.

Para a sobremesa, café de pota… e outras variedades. E cafeteira Chemex na sección Café, copa e puro.

De sempre son as patacas fritas de Bonilla a la Vista, unha das marcas máis prestixiosas do panorama español. E non menos tradicionais son os seus churros, que comercializa frescos nas súas churrerías e conxelados en boa parte dos mellores locais de hostalaría da Coruña.

O vermú o mesmo serve para antes da comida como para despois da mesma ou para a noite. Escribimos sobre vermús galegos, destacando St. Petroni, e sobre coctelería con vermú, guiados por tres cocteleiros de primeiro nivel: Pedro Sestayo, Lolo Castro e  Xaime Rodríguez.

Inxebre” dedica as súas páxinas a produtos moi estivais, mentres que no apartado de tapas ofrecemos algunhas das últimas premiadas en diversos concursos.

Finalmente hai consellos de mercadotecnia e tendencias gastronómicas. Esperamos que vos guste.

BenBo numero 5 (pdf das dúas primeiras páxinas de cada reportaxe)

Comparte...