BenBo número 8

O número oito de BenBo chega cargado de gastronomía galega

Un total de dezasete variedades de tomates autóctonos galegos recolleron os técnicos do centro de investigación agraria de Mabegondo e as mesmas protagonizan a portada do número oito de BenBo, que xa se atopa na rúa. Son variedades autóctonas porque se orixinaron en Galicia por efecto da terra, o clima e o traballo dos agricultores, por moito que a orixe dos tomates se atope nos Andes.

Xunto cos tomates galegos, protagonizan este número de BenBo a produción ecolóxica galega; os viños elaborados coa variedade Branco Lexítimo; os produtos da Ulloa; a repostería de orixe árabe; o pan galego, que do forno de pedra evoluciona ata a vangarda culinaria; unha das grandes sobremesa do país, como é o requeixo; os agasallos máis gourmet para este Nadal e as recomendacións para o café, copa e puro.

Xunto con estes produtos están presente no número 8 de BenBo cociñeiros como Alberto Lareo e o seu novo Manso; os enólogos Cristina Mantilla e Emilio Rodríguez; a investigadora Patricia Reboredo, autora dun traballo sobre o valor saudable do aceite de oliva galego; Adela Fernández, corazón da queixería Prestes; Pablo Morales, o coruñés que aspira a consagrarse coma o mellor pasteleiro da India; Diego Bello, que asegura que a súa cociña sona a ópera e rock; e Gabriel Vilar, o español mellor clasificado no campionato do mundo de skill, que soña con vivir da coctelería.

Comparte...