Bodegas Altos de Torona presenta o seu novo viño escumoso, Altos de Torona Brut

Bodegas Altos de Torona presenta o seu novo viño escumoso, Altos de Torona Brut

O escumoso Altos de Torona Brut, da subzona O Rosal dentro da Denominación de Orixe de viños Rías Baixas, segue o método tradicional de elaboración e conta con 9 meses de envellecemento en rima

A chegada do Nadal favorece o lanzamento de novos produtos, coma os viños escumosos. Así, as tomiñesas Bodegas Altos de Torona presentan o seu Altos de Torona Brut, elaborado integramente con uva albariño procedente do seu viñedo Altos de Torona no lugar de Vilachán (Tomiño). A produción é de 13.000 botellas.

Informan desde a adega que este viñedo conta con 93 hectáreas, o que o convertiría no viñedo máis grande de Galicia nunha soa parcela. Ademais “as condicións orográficas do mesmo, protexido dos ventos do norte e perfectamente ventilado, debido á estrutura en bancais, proporcionan á uva o mellor escenario para a súa perfecta maduración”.

O método tradicional de Champagne é a base deste viño escumoso da subzona do Rosal, que pasa por unha fase de rima de 9 meses a unha temperatura controlada de entre 12-13 graos en cava climatizada. A súa decantación dura un mes, con removido de colleita.

A nota de cata promocional apunta a un “escumoso expresivo, con escintileos dourados, un aroma complexo a froita fresca e moi equilibrado. En boca pódense apreciar as finas burbullas que deixan paso a un sabor afrutado, longo e moi saboroso”.

Altos de Torona pertence ao grupo HGA Bodegas.

Comparte...