Vino El Paraguas con volandeira

Bodegas El Paraguas amplía viñedo e traballa nun novo viño de pago

A colleita 2015 de Bodegas El Paraguas elaborarase nunhas novas instalacións que a adega alugou no municipio de Cenlle, no mesmo val do Avia (O Ribeiro) onde até agora elaboraran os seus viños. Os motivos aducidos polos seus propietarios son varios, pero sobre todo a falta de espazo na adega na que viñan facendo estes traballos, situada en pleno casco vello de Ribadavia. Se a iso unimos que o aluguer destas novas instalacións bríndalles a posibilidade de traballar un viñedo de 3 hectáras que rodea ao inmoble, “moi ao estilo dos châteaux bordeleses”, aseguran, eran imposible que deixasen pasar esta oportunidade.

Con esta incorporación, os propietarios da adega contan cun total de seis hectáreas de viñedo no Ribeiro para seguir elaborando os seus viños. Até agora traballaban dous pagos, un de dúas hectáreas de cepas autóctonas que cumprirán 20 anos nesta colleita situado en San Andrés (Cenlle) e do que se extraeron 500 litros dun viño que se chamará El Paraguas Cepas Vellas 2014, que se comercializará a partir de setembro, e outro de 1,25 hectáreas a partir do que se elaboraron os viños El Paraguas Atlántico e Fai un Sol de Carallo.

Segundo explican os seus responsables, Marcial Pita e Felicísimo Pereira, a idea inicial con este novo viñedo é elaborar cada variedade de cada pago por separado e ver que dita a natureza. “Se consideramos interesantes ditas parcelas para embotellalas por separado, fantástico aínda que quizá apostemos por fai un viño de village, debido á idade dos viñedos desta nova parcela”, pero o que teñen claro é que “se non hai calidade, non se van a embotellar estes viños como El Paraguas”. Neste sentido Marcial e Felicísimo lembran que unha importante cantidade de viño extraído do pago de San Andrés vendeuse e non se elaborou baixo a súa marca xa que non alcanzaba os parámetros de calidade que esixen. “É un viñedo novo sobre chans graníticos, cun popurrí de castes, que xa estamos a traballar e do que, se a calidade alcanza uns parámetros notables, servirá para elaborar outro viño de pago, outra interpretación do Ribeiro”, anuncian. Agora só nos queda agardar.

Comparte...