Bodegas Martín Códax participa en Globalviti, proxecto para mellorar o cultivo da vide

Bodegas Martín Códax participa en Globalviti, proxecto para mellorar o cultivo da vide

Bodegas Martín Códax toma parte en Globalviti, un proxecto de investigación e desenvolvemento que se centra en investigar de que xeito mellorar o cultivo da vide fronte ao cambio climático

A adega galega Martín Códax forma parte dun consorcio de oito empresas distintas: Bodegas Torres, líder do proxecto, Pago de Carraovejas, Bodegas Ramón Bilbao, Juvé & Camps, Grupo Hispatec, Pellenc Ibérica e máis Viveros Villanueva Vides, xunto a trece organismos de investigación.

Esta investigación I+D GLOBALVITI “Solución global para mellorar a produción vitivinícola fronte ao cambio climático baseada en robótica, en tecnoloxía IT, e en estratexias biotecnológicas e do manexo do viñedo” foi aprobada dentro do Programa Estratéxico de Consorcios de Investigación Empresarial Nacional (CEN) polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) .

Durante catro anos buscaranse solucións e aplicación de técnicas innovadoras en relación ás enfermidades da madeira, ao manexo integral do viñedo e aos procesos de vinificación nun contexto de cambio climático. Esta proposta inclúe a aplicación de tecnoloxías IoT (Internet of the things) e Big data que “facilitarán a transición dixital das adegas españolas e o despegamento tecnolóxico do sector”, segundo os seus responsables, que apuntan a un investimento de 8,8 millóns de euros.

Nas súas estimacións, sinalan que as enfermidades da madeira supoñen un custo mundial de máis de 1.100 millóns de euros. En España, apuntan, estarían afectadas entre un 3% e un 20% de plantas.

Comparte...