A Festa do Botelo celebra a súa XVI edición en O Barco

A Festa do Botelo celebra a súa XVI edición en O Barco

A XVI edición da Festa do Botelo no Barco de Valdeorras regresa o día 23 de xaneiro para dar a coñecer o botelo e ampliar a área de influencia desta celebración gastronómica

A Festa do Botelo deste ano contará cunha serie de actividades previas á festa: un encontro gastronómico con blogueiros e xornalistas, un taller de elaboración de petiscos e pratos de botelo e a súa harmonización con viños dirixido a hostaleiros da zona, e o lanzamento dunha páxina web e redes sociais.

O propio día da festa poñerase en marcha unha feira de produtos gastronómicos no Paseo do Malecón e lerase o pregón no Teatro Lauro Olmo. Ademais, o programa da Televisión de Galicia Aquí Galicia emitirá en directo o seu programa desde o lugar da festa.

Actividades

Os blogueros e xornalistas coñecerán as adegas da D.O. Valdeorras para “promocionar o botelo fóra do territorio galego a través das redes sociais”, segundo afirmou a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta. Godeval, Eladio Santalla Paradelo, Roandi e a Cooperativa Xesús Nazareno ofrecerán os seus viños para a degustación do botelo.

O luns 18 poñeranse á venda as 950 entradas para a festa. O prezo será de 15 euros por persoa e, ademais, sortearanse 20 cestas con produtos gastronómicos da comarca.

A cociñeira e blogueira Rocío Garrido e o catador Jorge Cardoso dirixirán o taller que se realizará o día 18 e que terá como obxectivo elaborar diferentes pratos co botelo como ingrediente principal.

O botelo é o recheo do estómago do porco con costelas adobadas e posteriormente afumado. Consómese cocido e conta co recoñecemento de Indicación Xeográfica Protexida desde o 2009. En 2014, a Festa do Botelo foi declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Comparte...