
Calendario de Galicia 2015: paisaxe, cultura e gastronomía
O Calendario de Galicia 2015 que patrocina Aceites Abril é xa unha realidade nunha edición presentada en Vigo e destinada principalmente aos turistas que visitan Galicia no verán, razón pola cal está redactado en castelán, mentres que as edicións normais, que saen no último trimestre do ano, empregan o galego dende a aparición da primeira edición, hai xa seis anos.
O Calendario, editado por Eduardo de Martís, xunta a paisaxe e cultura galegas coa gastronomía, de maneira que cada mes inclúe unha fotografía dedicada a diferentes elementos do patrimonio cultural e paisaxístico de toda Galicia, acompañada dunha suxestión culinaria de restaurantes ou empresas gastronómicas.
Ademais do vigués Bardecó, onde se realizou a presentación, os outros restaurantes que figuran nesta edición especial de verán son Chicolino (Boiro), Armán (Ribadavia), Durán (Baiona), A Cantina (Doade, Sober), A Tafona (Santiago de Compostela), Nova Restaurante (Ourense) e Paprica (Lugo).
A estes restaurantes súmanse tres empresas: a queixería Cortes de Muar, de Silleda; as patacas de Bonilla a la Vista (Arteixo), e as Delicias do Souto, de Folgoso do Courel. Ademais, tamén por vez primeira, unha entidade, a Xornada do Porco Celta, de Manzaneda, achega a súa suxestión gastronómica ao calendario.
A directora de marketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, destacou a ampla variedade de aceites que traballa a súa empresa, o que permitiu que cada unha das receitas presentadas no Calendario fora realizada cun diferente dos que produce a firma. “Podemos ver receitas desde o máis artesanal, como o queixo Cortes de Muar, con Aouris, até receitas máis industriais, como Bonilla a la Vista, tamén elaboradas con aceite noso“, explicou, para concluír con que o Calendario presenta “doce locais ou empresas con doce tipos de aceites, e todos de Abril”.
O mago Teto amenizou a presentación con xogos de cartas, moedas e navallas e ao finalizar sirveuse a receita de Santi Rivera (Bardecó): taco de bonito da costeira.