Carrillada, queso y pera, la propuesta de Paprica en el concurso de tapas de Lugo Xantar de Tapas 2015

Carillada, pera e queixo da nabiza, proposta de Paprica no concurso de tapas de Lugo

Álvaro Villasante, gañador en 2014, falanos sobre o concurso e sobre a súa proposta

“O concurso de tapas en Lugo é unha iniciativa que tivo unha acollida moi boa desde o principio”, dixo Álvaro Villasante, propietario e cociñeiro do restaurante Paprica, participante no concurso de tapas Xantar de Tapas, que estes días se desenvolve na cidade amurallada. Villasante ten unha ampla experiencia como gañador de diversos concurso de tapas na súa cidade e por iso quixemos contar co seu testemuño en BenBoísimo, o espazo que cada domingo dedicamos á gastronomía en Radio Voz (ás 12:00 aproximadamente, no marco do programa “Con Voz de Domingo”, que dirixe e conduce Eva Millán).

Preguntamos a Álvaro como unha cidade afeita a tapas de cortesía en abundancia acepta que durante dúas semanas as tapas do concurso se pagan: “O formato da tapa do concurso é diferente á que se adoita dar a diario nos bares. Máis elaboración e máis cantidade. A acollida por parte da xente é estupenda e é un momento do ano cun volume de traballo importante. O mes de setembro é un pouco frouxo polo fin do verán, a volta ao cole e ao traballo, e o concurso vén animar a segunda quincena, previa ao San Froilán. Desde que nós levamos participando é un momento de referencia por moito traballo”, asegura Villasante.

Nesta edición de Xantar de Tapas Paprica propón unha “Carillada, pera e queixo da nabiza”. Carrillada cociñada a baixa temperatura e despois braseada, acompañada de pera en tres elaboracións e crema montada de queixo.

O concurso de tapas desenvólvese entre o 11 e o 27 de setembro coa participación de 46 locais de toda a cidade. Cos seus votos, o público outorgará tres premios e seleccionará aos finalistas do concurso, que se someterán ao veredicto dun xurado profesional.

Comparte...