Casa Marcelo volve en abril coa cociña de sempre e a nova fusión galego-asiática

Casa Marcelo volve en abril coa cociña de sempre e a nova fusión galego-asiática

Finalmente Casa Marcelo non cambiará de nome. Díxoo esta tarde Marcelo Tejedor na “Última Cea” que ofreceu a trece convidados no marco dun relatorio no Forum Gastronómico de Xirona. Trece convidados polo trece anos que cumpriu o seu restaurante e non por equiparar a súa cea á que retratou Leonardo da Vinci (alí son catorce, que tamén está María Magdalena).

O pasado xoves Marcelo aínda non sabía se o restaurante cambiaría de nome, pero inclinábase por non facelo. “Non sei por que debería cambiar” díxonos, aínda que cando anunciou o peche e resurrección afirmou que renacería con novo nome.

Ao final, en todo este proceso o que morre, e se non cambia de idea entérrase solemnemente na horta do restaurante o vindeiro xoves, é o menú degustación e único, que Marcelo creou a principios de século á vez que abría a cociña á sala.

Segundo nos contou Marcelo, a cociña vai seguir aberta, máis aberta que nunca, xa que prevé eliminar a cristaleira que pechaba un lateral da mesma para instalar unha barra e mesmo montar unha mesa “na cociña do fondo”, o espazo de elaboración que se atopa ao final do local, que durante os horarios de apertura ao público sería un espazo para os clientes e o resto do día recuperaría a súa función orixinal.

Se a reforma se realiza segundo nos contou Marcelo, no restaurante só haberá dúas mesas, altas e con taburetes para que senten algunhas persoas, pero a estrutura permitirá que outros clientes permanezan de pé. Unha das mesas situarase nese espazo novo de “a cociña do fondo” e a outra no que actualmente é o comedor do restaurante. A barra que dará directamente á cociña central tamén estará dotada de taburetes, con sitios fixos.

E cambiará a fundamental. A cociña. Casa Marcelo continuará facendo a mesma cociña que até agora porque, segundo Marcelo “non podemos renunciar a ela, é o noso patrimonio”. Así que sobre a barra e as mesas estarán os pratos de sempre de Marcelo e os que ao longo dos últimos anos foron saíndo da cabeza e as mans de Ivan Domínguez. Pero xunto á cociña de sempre haberá un novo concepto de fusión galego-asiática. A Marcelo escápaselle o termo “galegoxaponesa” para rectificar de inmediato e asegurar que lle interesa o mellor de toda Asia.

Os clientes gañarán, segundo o cociñeiro, liberdade de elección, non só no que respecta a que, como e cando comer, senón ao orzamento que necesitarán para facelo. “Xa ninguén estará sometido á obrigación de pagar 75 euros polo que nós queiramos poñerlle”, asegura.

Agora, Casa Marcelo pechará un mes co obxectivo de realizar as reformas necesarias para volver abrir as súas portas a comezos de abril.

Entón nacerá unha nova Casa Marcelo, pero o espírito da cociña da vella seguirá presente. Seguro.

Comparte...