Casa Solla elixido polo Finacial Times entre os 5 mellores restaurantes familiares de España

Casa Solla elixido polo Finacial Times entre os 5 mellores restaurantes familiares de España

Con motivo do recente nomeamento do Celler de Can Roca como o mellor restaurante de mundo no ranking elaborado pola revista Restaurant, o prestixioso diario económico Financial Times acaba de incluír a Pepe Solla e o seu restaurante Casa Solla como un dos cinco mellores restaurantes españois cuxa xestión segue en mans familiares. Xunto ao restaurante localizado en Poio, o diario británico destaca tamén os nomes doutro catro restaurantes e os seus respectivos cociñeiros: Casa Gerardo, dirixido por Marcos Morán en Asturias; El Portal del Echaurren, situado na Rioxa e con Francis Paniego ao mando das cociñas; Aponiente, de Ángel León en Cádiz e Solana en Cantabria do chef Ignacio Solana.

De Casa Solla, o rotativo financeiro destaca a calidade da materia prima empregada na súa cociña, o seu valor ecolóxico e o seu compromiso coa sustentabilidad, ao escoller a pequenos produtores da zona como provedores para a súa cociña e empregar pezas procedentes da pesca sustentable, por exemplo.

Pepe Solla, integrado no Grupo Nove, comezou no restaurante familiar nos anos 90, ao comezo en sala e como sumiller. Non sería até 1995 cando se introduciría na cociña do restaurante, iniciando un idilio cos seus fogóns que se mantén vivo como o primeiro día.

Comparte...