CIFP Compostela

Cata maridada coa D.O. Ribera del Duero no 50 aniversario do CIFP Compostela

As actividades non se deteñen no CIFP Compostela. Tras a celebración, este martes, dunha conferencia sobre o futuro da intermediación na hostalería con responsables das tres empresas españolas máis importantes do sector (Atrápao, ElTenedor e restaurantes.com); o vindeiro martes 16 de maio chega a quenda da D.O. Ribera del Duero, que ofrecerá a alumnos e asistentes unha cata maridada cos seus caldos co obxectivo de buscar o mellor bocado con cada viño e de comprobar, cos viños diante, “cal combina mellor con cada prato”.

A xornada comezará cunha pequena charla, por parte dun técnico do Consello Regulador, sobre as características da D.O. Ribera del Duero, a tipicidade dos seus viños e as súas técnicas de cultivo e elaboración. A continuación, os viños da Denominación de Orixe servirán para maridar diferentes pratos, nos que o produto galego terá un gran protagonismo: Lomitos de caballa ao forno sobre pisto, Tosta de pan galego con salmón afumado sobre cremoso de queixo, Guiso de fabas de Lourenzá con morcilla e touciño, Coxa de coello á cazadora (bacon, pataca parisien, champiñóns e un caldo ou fondo de hortalizas), Pequeno entrecôtte de Tenreira Galega á pementa negra con pataca ponte nova, Rabo de Tenreira Galega estofado con crema de pataca de Galicia, e Mousse de chocolate negro sobre biscoito de avelá e coulis de froitas vermellas (amorodos e moras).

A maridaxe será realizada con viños xenéricos e propios do Consello Regulador da D.O., sen etiqueta de adega, para non dar promoción a ningunha marca concreta: viño tinto novo, viño tinto novo en barrica, viño tinto crianza, viño tinto reserva, viño tinto Gran reserva e viño de autor.

A asistencia ao evento é aberta e gratuita, previa inscrición na páxina web do 50 aniversario do CIFP Compostela: http://50cifpcompostela.com/é/inscricións-50-c-i-f-p-compostela/. O programa completo, coas actividades que se celebrarán ao longo de todo o ano, tamén pode consultarse na web.

Comparte...