A CENTOLA GALEGA ESTARÁ NO MERCADO A COMEZOS DE NOVEMBRO

As centolas galegas volverán ás nosas mesas en breve xa que o próximo 4 de novembro iníciase a tempada de captura nas provincias da Coruña e Pontevedra. No litoral lucense a centola seguirá en veda ata o 2 de decembro, data na que tamén se iniciará a súa pesca. Tamén o 2 de decembro se iniciará a tempada do boi de mar.

Nos tres casos a tempada remata o 31 de decembro, o mesmo que sucede co santiaguiño, que este ano se pode capturar en Galicia entre o 1 de outubro e o 31 de decembro.

O remate da tempada de nécora, centola e boi o 31 de decembro non significa que a mesma non continúe nos primeiros meses de 2013, xa que o Plan Xeral de Explotación Marisqueira se aproba por anos naturais e habitualmente se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o día 2 de xaneiro de cada ano. O plan de 2012, que se pode consultar no DOG, establecía diversos períodos de pesca de nécora, centola e boi nos primeiros meses do ano. No que respecta a 2013, haberá que agardar á publicación do seu Plan Xeral para saber se estes crustáceos se poden seguir capturando nos primeiros meses do ano.

Capturas

Nos primeiros meses de 2012 en que estiveron abertas as pesquerías, as lonxas galegas subhastaron un total de 80.462 quilos de nécora, 77.628 de centola e 6.136 de boi de mar.

Polo que respecta ao santiaguiño, dende o inicio da campaña o 1 de outubro e ata mediados de outubro, so pasaron polas lonxas galegas 29,55 quilos deste escasísimo marisco.

Comparte...