Cervexa de verzas, a nova aposta de Champivil-Castelo

Cervexa de verzas, a nova aposta de Champivil-Castelo

A empresa Champivil-Castelo acaba de lanzar unha nova cervexa artesanal, que se suma as súas dúas cervexas que xa comercializa a marca, elaboradas tamén de xeito artesanal e realizadas base de grelos e de setas. Esta variedade é a nova aposta da empresa de Vilalba que, tras o éxito colleitado, lanza agora, coincidindo coa Semana das Letras Galegas, unha edición gourmet de tirada limitada da cervexa de verzas.

A produción desta nova cervexa de verzas realizarase en función da demanda, en lotes pequenos, para que non se almacene e se faga vella. Trátase dunha receita creada polo mestre cervexeiro Paterpaul, pioneiro na elaboración da cervexa artesanal en Galicia. A propia xerente de Champivil, Divina Castelo, recoñece que o proceso para crear esta variedade foi complicado: “das tres que levamos feitas, é a receita máis difícil de lograr”.

A cervexa de verzas caracterízase polo seu potente aroma e a súa cor roxiza e vén a completar a gama de Champivil, formada ademais pola cervexa negra da seta trompeta dos mortos e a cervexa rubia de grelos. Os procesos de elaboración das tres variedades son naturais e artesanais, e teñen unha duración de dous meses e medio.  Os ingredientes para elaborar estas cervexas artesás son: auga da fonte, malta de cebada, lúpulos nobres suaves (o que fai que destaquen o aroma do grelo, da verza e da seta en cada caso) e levaduras de cervexa neutras.

Ademais, Paterpaul destaca que  “non leva ningún tipo de produto químico nin ningún engadido, é totalmente natural e artesá e mesmo o gas que ten prodúceo a propia cervexa grazas a unha segunda fermentación en botella que dura entre 25 e 35 días”. A venda desta cervexa de tirada limitada, realízase a través dun acordo de colaboración coa queixaría Prestes de Vilalba, ademais de con outras tendas deste municipio e de Santiago de Compostela.

Comparte...