Cervexa de percebes, a nova e sorprendente aposta de Estrella Galicia

Cervexa de percebes, a nova e sorprendente aposta de Estrella Galicia

Os percebes da Costa da Morte son o sorprendente ingrediente da nova edición de ‘Fábrica de Cervexas’ de Estrella Galicia. Esta nova cervexa pretende render homenaxe ao mar e os  percebeiros a través dun sabor artesán e diferente.

A cervexa de percebes de Estrella Galicia foi presentada este mércores en Corme, á beira da lonxa e a poucos quilómetros de Punta Roncudo, un dos lugares de referencia para os amantes deste marisco. A colaboración estreita entre o sector e a cervexeira serviu para que a Confraría de  Percebeiros de Corme se encargara de proporcionar os percebes para a elaboración da nova creación de ‘Fábrica de Cervexas’ e a Confraría de  Portomuíños achegara as algas que conseguiron o sabor final do produto.

Luís Alvar, mestre cervexeiro de Estrella Galicia explicou que para elaborar esta receita, houbo “un longo proceso de investigación probando todo tipo de opcións vinculadas ao mar que puidesen dar lugar a unha cervexa do nivel de calidade e sabor que buscabamos”. O mestre detallou que para a elaboración, “incorporamos os percebes no proceso de ebulición do  mosto e o  ramallo de mar no proceso de maduración”. Ademais,  “utilizamos por primeira vez na nosa fábrica o lúpulo de variedade Magnum que, sumado a  Nugget e  Perle, ofrece uns excelentes niveis de  amargor”.

O selo ‘Fábrica de Cervezas’ irrompeu o ano pasado no mercado coa cervexa a base de Pemento de Padrón e a edición de Samaín, coa cabaza como protagonista. En total Estrella Galicia poñerá no mercado 5.000 litros desta nova edición limitada e exclusiva, que xa está agotada online

Comparte...