O CIFP Compostela pon o broche de ouro ao seu 50 aniversario co Chef Paco Roncero

O CIFP Compostela pon o broche de ouro ao seu 50 aniversario co Chef Paco Roncero

O CIFP Compostela concluíu o pasado martes 5 unha maratón de actividades que comezaron o pasado 18 de abril, con motivo do seu 50 aniversario. O chef con dúas estrelas Michelin Paco Roncero foi o encargado de clausurar o evento, ao que asistiu como padriño e convidado de honra. Roncero visitou as instalacións do centro de Lamas de Abade acompañado polo seu director, Ramiro Esparís, nunha xornada que estivo, ademais, repleta de actividades para o goce dos alumnos e o resto de asistentes.

Así, os presentes na xornada puideron participar nunha cata de queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida, así como asistir ao showcooking “Outra visión do cocido de Lalín”, presentado por Alberto González, de Casa Currás; Alex Igrexas, de Restaurante Cabana e Diego López, do Restaurante A Molinera. Para completar a xornada educativa, Guillermo Gómez impartiu unha masterclass sobre a elaboración do café. Para poñer fin aos oito meses de celebracións, o acto pechouse cunha cata de viño español no comedor do centro e unhas palabras do afamado cociñeiro.

Medio século de formación

Os actos do 50 aniversario do CIFP Compostela foron un reflexo do arduo traballo do centro na formación de profesionais ao longo da súa historia. As celebracións comezaron cun exitoso acto de apertura no que participou o  oito veces estrela Michelin Martín Berasategui, que recoñeceu estar “tremendamente orgulloso” dos cociñeiros que chegan a traballar aos seus restaurantes e da formación impartida no centro. Desde ese momento, a Escola de Hostalería de Lamas de Abade recibiu a numerosos profesionais do sector gastronómico, científicos, investigadores e expertos, que durante 8 meses realizaron relatorios abertos ao público. Tamén se celebraron showcookings con mostras de cociña en directo de importantes cociñeiros do panorama galego, como Alberto Lareo, Lucía Freitas ou Iñaki Bretal.

Ademáis deles, pasaron polo centro profesionais da talla da dobre estrela Michelin Sergi Arola, que explicou a importancia de desenvolver unha marca persoal para o éxito empresarial; o antigo alumno do centro e chef Michelin Pepe Vieira, que explicou aos alumnos as complexidades do mundo da restauración máis aló dos fogóns ou un dos emprendedores de Abastos 2.0 e Barra Atlántica, Marcos Cerqueiro; entre outros.

Comparte...