Grupo Nove. Fotograma de "Cocinando en el fin del mundo"

Cine e cea co Grupo Nove en San Sebastián

Un máximo de oitenta comensais poderán participar na cea servida polos cociñeiros do Grupo Nove despois de participar na estrea do longametraxe “Cocinando en el fin del mundo”, que se presentará na sección Culinary Zinema no Festival de Cine de San Sebastián. A estrea e a cea terán lugar o 24 de setembro próximo, inda que as entradas se poñerán á venda na web do festival o próximo un de setembro.

Os pratos que se servirán na cea estarán integrados polos produtos que aparecen na película e serán lamprea curada, tenreira cachena, verduras e peixe, ademais de catro aperitivos, sobremesa de lambetadas.

Promoción en outubro

Por outra parte, o 26 de outubro, tamén en San Sebastián, os integrantes do Grupo Nove participarán nunha xornada de promoción da gastronomía galega como atractivo turístico, para o cal o grupo asinou un convenio con Turismo de Galicia.

Nesta ocasión haberá unha comida para un número reducido (entre 30 e 40 persoas) de cociñeiros vascos e prensa especializada e pola tarde un acto aberto ao público no que se prevé unha participación de 600 ou 700 persoas.

O acto aberto ao público será semellante a outros nos que xa participou o Grupo Nove e no que cada un dos cociñeiros do grupo elabora unha tapa, de maneira que en conxunto o público poida degustar unha ampla representación da cociña practicada polos integrantes do mesmo.

Comparte...