Un Clafoutis de nectarinas gañou o concurso de sobremesas sen glute de A Curtidoría

Un Clafoutis de nectarinas gañou o concurso de sobremesas sen glute de A Curtidoría

Clafoutis de nectarinas, presentado por Yolanda Igesias, foi a receita gañadora do concurso de sobremesas sen glute convocado polo restaurante compostelán A Curtidoría, con motivo da celebración do Día Nacional do Celíaco, que ten lugar o 27 de maio. A harmonía de ingredientes foi determinante para a obtención do galardón, consistente nunha fin de semana no Porto.

O segundo premio correspondeu a unha torta de chocolate con frosting de queixo e fresas, presentada por Glaucy Furtado, na que o xurado valorou especialmente a calidade, sabor e textura do biscoito de chocolate. En total no concurso participaron nove receitas.

O xurado tamén destacou o esforzo realizado por todos os concursantes, que case na súa totalidade non eran celíacos, pero si persoas sensibilizadas polos problemas que sofren os intolerantes ou alérxicos a algún tipo de alimentos, como é o caso dos celíacos, que non poden inxerir glute, unha proteína presente nos cereais máis comúns, como o trigo, pero ausente noutros como o arroz ou o millo.

A pesar de todo, como indicou a presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia, María Teresa García, as fariñas de millo ou arroz presentes no mercado non están libres de risco para os celíacos, xa que en moitos casos móense nos mesmo muíños empregado para a fabricación da fariña de trigo, o que produce unha inevitable contaminación. Hai que ter presente que a concentración máxima de glute aceptable nos alimentos para celíacos é de 20 partes por millón. Dito doutra maneira: unha cullerada de fariña de trigo é suficiente para contaminar até extremos inaceptables unha tonelada de fariña de millo.

A presenza da icona da espiga de trigo tachada, coa lenda “sen glute”, comeza a ser común nos alimentos europeos aptos para celíacos, que ata non hai moito estaban atados polas especialidades especificamente preparadas para eles, habitualmente máis caras que as de uso común. Pero os responsables das asociacións de celíacos advirten que é necesario extremar as precaucións con alimentos importados, especialmente os orientais, polas dificultades que presenta a etiquetaxe en idiomas e alfabetos que nos son alleos.

Nese sentido, a Federación de Asociacións de Celíacos de España publica na súa web listados de alimentos aptos para celíacos, listados que son actualizados con frecuencia pola incorporación de alimentos novos ou a eliminación doutros que cambian a súa formulación e xa non ofrecen as garantías suficientes.

A tecnoloxía tamén chegou ao mundo da celiaquía a través dun mini lector de códigos de barras de uso persoal, a través do cal se pode coñecer se un alimento é apto para o seu uso por intolerantes ao glute.

Pola súa parte, Borja Portals reafirmou o compromiso do seu restaurante cos celíacos, afirmando que A Curtidoría é un caso especial na hostalería compostelá ao manter permanentemente un grupo de pratos elaborados especialmente para este colectivo.

BenBo, sensible aos problemas que padecen os alérxicos e intolerantes a certos alimentos, incluirá nas páxinas do seu número cinco unha reportaxe sobre un obradoiro coruñés no que se elaboran a diario produtos dedicados a celíacos, pero tamén á lactosa, alérxicos á proteína do leite, fenilcetonúricos, etc. Porque o mundo das alerxias e as intolerancias non termina no glute, aínda que sexa o problema máis coñecido.

Comparte...