A cociña con algas de Alberto Lareo, protagonista no CIFP Compostela

A cociña con algas de Alberto Lareo, protagonista no CIFP Compostela

As algas son tendencia na nova cociña galega, e iso sábeno no CIFP Compostela. Por iso, e continuando cos actos do seu 50 aniversario, o vindeiro martes 23 celebrarán no centro un showcooking sobre a cociña con algas de Alberto Lareo, o prestixioso chef do restaurante Manso de Santiago de Compostela.

Para esta clase maxistral, aberta a todos aqueles que queiran asistir, o cociñeiro e antigo alumno da escola contará coa colaboración de Antonio Muiños, propietario da empresa galega pioneira na comercialización destes vexetais mariños, Portomuiños. Deste xeito, as persoas que asistan ao showcooking poderán coñecer, mentres se elaboran os pratos, o valor nutricional e culinario e outras curiosidades deste produto, cada vez máis importante na cociña galega de vangarda.

No acto, que terá lugar de 10 a 12 da mañá na aula de I+D+i do CIFP Compostela, Lareo cociñará en directo varios pratos con bases de verduras, peixes e mesmo froitas, combinando sabores e texturas coa súa característica esencia atlántica. Para asistir, é necesario inscribirse previamente na páxina web do centro: http://50cifpcompostela.com/gl/.

Comparte...