Cociña de autor na área gastronómica do 17º Ribeira Sacra Festival

Cociña de autor na área gastronómica do 17º Ribeira Sacra Festival

No 17º Ribeira Sacra Festival haberá moita música ao vivo, con The Magic Numbers, Iván Ferreiro, M. Ward, Novedades Carminha, Ángel Stánich, The Wellgreen, Sumrrá, Virginia Maestro, Os Amigos dos Músicos, Germán Díaz, Best Boy e Pardo, entre outros. Pero o festival, promovido por i-radia Crea, vai máis alá na súa concepción: a gastronomía, o viño e o patrimonio son eixos do festival. Un festival que se celebra en escenarios tan singulares como adegas, miradoiros e, incluso, nun dos catamaráns que navegan o Sil.

 Adrián Comesaña, de Vigo, e Queco Arias, de Santiago, coñecéronse en Londres, onde se curtiron durante nove anos nos mellores restaurantes da cidade. Cando retornaron, fixérono cun proxecto en mente que se materializou no restaurante O Curro da Parra, e, máis tarde, no Café de Altamira. Ambos comparten equipo de xestión e ambos, tamén, sitúanse de maneira intencionada á beira do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.

A proposta do Curro da Parra para o 17º Ribeira Sacra Festival terá algunhas adaptacións tanto ao formato festival como á contorna da Ribeira Sacra. A cociña do festival seguirá as súas liñas de traballo: produto local, en boa parte ecolóxico e sempre de tempada, para unha cociña de raíz tradicional e galega na que non falta un toque de fusión.Un mollo “pico de galo”, un ají-amarelo, o kimchi, … son algúns exemplos que se poden ver nun bacallau, un xurel ou unha costela nas nosas cartas. Aínda que prime o carácter Atlántico, tamén pode haber influencias mediterráneas”, explican Alén Tarrío, chef do restaurante O Curro da Parra.

O Curro da Parra promete unha cociña informal, para gozar dela e divertirse, elaborada, iso si, con produto de primeira e na que o sabor ten que primar. Nas áreas gastronómicas do 17º Ribeira Sacra Festival en Bodegas Regina Viarum e no exterior do Parador en Monforte de Lemos, o público poderá, o sábado 29, vivir a música cunha cociña á altura do cartel e da paisaxe do festival. O equipo do restaurante O Curro da Parra tamén será o responsable da gastronomía no xantar-concerto co zanfonista Germán Díaz, na Reitoral de Gundivós, o domingo 30 de xullo. Un evento especial, cun xantar degustación do chef executivo Alén Tarrío, contextualizado na zona, nos seus produtos e, como non, nos seus caldos, no que a cerámica de Gundivós, tan vinculada ao oficio do viño, terá un espazo reservado na mesa.

 Paisaxe e escenarios 17º Ribeira Sacra

17º Ribeira Sacra, do 28 ao 30 de xullo de 2017, é un festival para descubrir e disfrutar dunha das paraxes naturais máis fermosas de Galicia: a Ribeira Sacra. Música, viño, gastronomía e patrimonio son os catro eixos dun festival que, durante o último fin de semana de xullo, propón unha experiencia ao redor da música en directo, do viño, nunha zona de excelencía vitivinícola, e do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra.

Comparte...