A Confraría dos Viños de Monterrei conta con catro novos membros

A Confraría dos Viños de Monterrei conta con catro novos membros

A Feira do Viño de Monterrei celebrou este fin de semana en Verín a súa décimo terceira edición, na que se nomearon catro novos confrades, un deles, a título póstumo.

A Feira do Viño de Monterrei inaugurouse o pasado venres nun acto no que  interviron a presidenta C.R.D.O. Monterrei, que realizou unha homenaxe ós viticultures e adegueiros da D.O. e Gerardo Seoane, alcalde da vila, quen destacou a importancia de “por en valor e facer unha firme aposta pola viticultura de calidade como motor económico da comarca”.

O acto de imposición das medallas da Confraría dos Viños de Monterrei celebrouse na igrexa da Mercé de Verín e estivo presidido por Ánxeles Vázquez, Conselleira do Medio Rural. Neste acto nomeáronse os catro novos confrades da Confraría dos Viños de Monterrei, un deles, a título póstumo. Así, Xosé Carlos Caneiro Pérez (escritor e pregoeiro en varias ocasións da festa), Diego Lourenzo Moura (tenente de alcalde de Verín), Marco Rocha Campos (xornalista) e Mario Teixeira González (viticultor da D.O. falecido no mes de maio) foron nomeados membros da Confraría.

Tamén se fixo entrega neste acto da Medalla de Ouro a Ernesto Atanes Payo, a título póstumo, xa que o ano pasado non puidera ser recollida polo recente do seu falecemento. Trátase dunha Medalla de Ouro, que xunto coas entregadas o pasado ano a Manuel Blanco Núñez, Tapias Mariñán e José Luis Vaz Vilela, serve para recoñecer a labor destas persoas na promoción durante décadas dos viños de Monterrei. Ademais, e con motivo da celebración dos 25 anos da D.O. Monterrei homenaxeouse aos confrades José Luis Hernáez Mañas e Castor Gago Álvarez (pregoeiro desta edición) por seren grandes impulsores da creación desta denominación de orixe.

Tratase dunha cerimonia solemne que se celebrou no primeiro día de Feira. Durante todo o fin de semana da Feira os veciños e turistas puideron disfrutar de animación musical, actividades e por suposto, de probar os viños das 16 adegas participantes nesta edición: Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer (Boo Rivero), Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Tapias Mariñán (Pazo Blanco Núñez), Pazo de Valdeconde, Quinta do Buble, Quinta Soutullo (Fausto Rivero), Terras do Cigarrón, Trasdovento, Triay, Valderello e Vía Arxéntea.

Comparte...