Colleiteiros do Ribeiro estudan usar novas tecnoloxías para paliar pragas e incidencias climatolóxicas

Colleiteiros do Ribeiro estudan usar novas tecnoloxías para paliar pragas e incidencias climatolóxicas

Brais Iglesias, presidente da Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro, asistiu ao G20 Young Entrepreneurs´ Alliance onde mozos emprendedores dos países pertencentes ao G20 se reuniron para intercambiar opinións e para preparar a súa proposta para o G20 que terá lugar en Alemaña o vindeiro mes.

Asistiron como parte da Delegación Oficial da Union Europea, a través da Asociación de Jóvenes Empresarios de España, ademais de Brais Iglesias, Antonio Magraner (presidente AJE Miami), Mikel Beroiz (vicepresidente executivo de YES for Europe), Álvaro Cuadrado (vicepresidente Ibérico CIJE -Confederación Iberoamericana) e Carlo Bindoni (presidente IE Busnisses School Navarra).

O cumio tratou sobre o futuro dixital e como afectará  ás empresas. En Ourense, o ano pasado, o fungo Mildeu afectou aos viñedos, e este ano foi a xeada. “Falamos de perdas irreparables xa que investimos moito diñeiro en promocionar nun mercado, ao que logo non podemos abastecer e polo tanto corremos o risco de perdelo”, afirmaron desde o colectivo de Colleiteiros. Actualmente existen varios estudos do IoT (Internet of things) aplicado ao viñedo e de como monitorizar os viñedos a través de sensores e drons, “o que en moitos casos axuda á detección temperá de enfermidades, pero queremos dar un paso máis e implementar o que se coñece como tecnoloxía do Big Data“, explican.

Desta maneira co Big Data, “o que imos intentar é que unha vez detectada a enfermidade ou a incidencia climatolóxica, monitorizaremos o tratamento que se aplica para posteriormente estudar o resultado e a porcentaxe de viñedo recuperado ou protexido da propagación”, comentan desde a asociación. Deste xeito, explican que, usando sensores en toda a provincia, a idea é recoller a maior cantidade de datos posibles en diferentes escenarios, sumados ao tratamento aplicado. Desta forma, “poderemos ver a evolución e xunto con diferentes tratamentos aplicados nas mesmas condicións, saber cal proporcionou o mellor resultado, dependendo do tipo de viñedo, de terreo e outros factores”.

Segundo explican, o obxectivo é que co Big Data “os viticultores, os Colleiteiros e as adegas, poidan saber preventivamente qué enfermidade se pode propagar (por condicións meteorolóxicas) ou coas previsións meteorolóxicas, que incidencias climatolóxicas poden afectar ao viñedo”. Outra das vantaxes sería que o sector podería consultar segundo que tipo de uva, terreo, etc… “que tratamento foi máis efectivo de acordo con experiencias previas noutros viñedos”.

Para esta fin, a asociación xa estableceu os primeiros contactos co director da EVEGA e co presidente de COITA, que fixeron extensivos tamén ás Facultades de Ciencias e a de Informática. “Unha vez estudiemos a viabilidade técnica do proxecto, presentarémolo aos catro consellos reguladores das DO de Ourense (Valdeorras, Monterrei ,Ribeira Sacra e Ribeiro) e á IGP Val do Miño”, afirman. Este paso darase despois das eleccións do 9 de xullo, para despois presentarllo en conxunto a Medio Rural e á Deputación de Ourense. Se todos os prazos se cumpren, a idea é telo operativo para a colleita 2018.

Comparte...