Come o Mar, campaña para impulsar o turismo gastronomico na costa galega

Come o Mar, campaña para impulsar o turismo gastronomico na costa galega

Menús, tapas e actividades turísticas e deportivas relacionadas co mundo do mar compoñen a oferta da campaña Come o Mar, impulsada polos grupo de acción costeira de Galicia co apoio da Xunta e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Na mesma tamén se inclúen aloxamentos e actividades relacionadas coa cultura mariñeira.

Nos menús e tapas o protagonista principal será o mar galego, cunha ampla oferta de produtos da pesca e o marisqueo, con receitas tradicionais e de autor e prezos para todos os petos, que van dos 18 aos 30 euros, segundo se pode ver na web da campaña. En moitos casos ofrécese ademais un menú infantil sinxelo e ao prezo reducido de 8,50 euros. En ocasións indícase que o menú inclúe o viño, sen moitas precisións, e noutros non, polo que é recomendable preguntar antes para evitar sorpresas na conta.

Sopas e guisos mariñeiros, mariscos á prancha ou á grella, empanadas e outras receitas da tradición mariñeira galega danse a man con croquetas, revoltos, pementos do piquillo recheos e ata guacamoles, rissotos e paellas alleas a nos.

O apartado de tapas mariñeiras é algo máis reducido que o de menús, pero están presentes en todas as zonas da costa galega, ao prezo único de 2,5 euros.

A web de Come o Mar dispón dun eficaz buscador que permite atopar información detallada de menús, tapas e o resto de ofertas da campaña.

Comparte...