Comeza a colleita do lúpulo en Galicia

Comeza a colleita do lúpulo en Galicia

Esta semana comezou en Galicia a colleita do lúpulo e como novidade, por primeira vez, recollerase a variedade Cascade, unha das máis apreciadas polos cervexeiros pola súa gran potencia aromática. Só nas instalacións do CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo) que colabora coa empresa Hijos de Rivera, espérase unha produción en torno a 1.200 kg da flor desta especie nas 2,2 hectáreas cultivadas. Por segundo ano consecutivo realízase a colleita de lúpulo ecolóxico, cultivado tamén en Mabegondo, seguindo os procedementos marcados polo CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia).

A iniciativa de recuperar o cultivo desta planta a través dunha parcela experimental xurdiu no ano 2004 co obxectivo de elaborar unha cervexa especial no ano do Centenario de Estrela Galicia. O proxecto, ao longo destes anos, foi consolidándose e crecendo, xurdindo en paralelo iniciativas privadas por parte de particulares que iniciaron tamén plantacións e que se agruparon maioritariamente na cooperativa LUTEGA.

No número 4 de BenBo, aínda dispoñible na en la sección /RevistaBenBo, xa publicabamos unha extensa reportaxe sobre o sector cervexeiro na nosa comunidade, que vive un dos seus mellores momentos. Ademais da tan coñecida Estrela Galicia, xa cunha forte presenza internacional, numerosas cervexas artesás chegaron ao mercado da man de emprendedores locais nos últimos anos. Sen dúbida unha actividade que dará moito que falar nos próximos meses e todo un luxo para os afeccionados a esta bebida.

Comparte...