Recta final para o concurso Santiago(é)Tapas

Recta final para o concurso Santiago(é)Tapas

Unha semana moi rebuldeira e estrelada no campo gastronómico remata en Santiago, e, con ela, termina o concurso de tapas Santiago(é)Tapas

A oitava edición de Santiago(é)Tapas, o concurso de petiscos de Compostela, finaliza o vindeiro domingo, o último día no que os 69 locais participantes ofrecerán as 109 tapas elaboradas para a ocasión.

Os responsables dos establecementos mostraron a súa satisfacción cos bos resultados que están a obter nesta edición de Santiago(é)Tapas desde o inicio do concurso o pasado día 12.

Este ano a organización do Santiago(é)Tapas quixo outorgar maior importancia aos produtos galegos de calidade con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Por esta razón, todas as tapas desta edición contan con algún destes produtos entre os seus ingredientes.

Tamén conclúe o Santiago(é)Noite, a oferta complementaria de hostalería nocturna con creacións exclusivas a un prezo único de 3,5 euros para aqueles clientes que mostren o seu tapasporte nos locais participantes.

Turkish Airlines, colaborador do Santiago(é)Tapas, promove un concurso de fotografías premiado cun billete de ida e volta a Istambul para unha persoa, entre os que interactúen nas redes sociais do concurso á vez que degustan unha tapa nalgún dos establecementos participantes.

Ademais, segue aberto o concurso de Coca-Cola Iberian Partners con premios directos ás imaxes con máis faísca, máis simpática e máis creativa.

Para participar, os concursantes deberán facer unha fotografía na que apareza calquera das 4 botellas de Coca Cola “Contour” (Normal, Zero, Light ou Zero-Zero) aberta, xunto a unha das tapas participantes no Santiago(é)Tapas. Terán que compartila en Facebook ou Instagram empregando a etiqueta #santiagoetapas2015 e mencionando a @ZonaCocaCola e o nome do local.

Comparte...