Os novos consellos reguladores galegos constitúense tralas eleccións

Os novos consellos reguladores galegos constitúense tralas eleccións

Juan Manuel Casares, novo presidente no Consello Regulador da D.O. Ribeiro. Non muda a presidencia nos organismos dos Augardentes e Licores nin no de Mel de Galicia

Son semanas de moita actividade a nivel institucional na maioría dos consellos reguladores dos produtos agroalimentarios galegos de calidade.

Tralas eleccións chega o calendario de constitución dos diversos consellos , co fin de elixir as persoas que ocuparán a presidencia e vicepresidencia nestes órganos, para o seu posterior nomeamento pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Os 180 vogais elixidos no proceso do pasado 9 de xullo -coa posterior repetición nunha mesa da Denominación de Orixe Rías Baixas- votan á súa vez aos presidentes e vicepresidentes dos consellos para completar así o proceso electoral, segundo o establecido pola normativa que o regula.

A relación de proclamados poderase consultar na web da Consellería do Medio Rural unha vez finalizado o procedemento.

O primeiro consello regulador que procedeu á súa constitución, o pasado 18 de xullo, foi o do queixo da Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa.

O 28 de xullo ha rematar esta quenda cos dos viños da D.O. Valdeorras e máis da D.O. Rías Baixas.

Neste proceso están incluídos todos os consellos, salvo catro excepcións: o da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) do Pemento de Oímbra e do Mougán, ao seren os de máis recente creación e non contarén aínda cun número de inscritos suficiente.

Tampouco entra o consello regulador da IXP Lacón Gallego, que aínda debe adaptar a súa regulación á actual lexislación autonómica sobre a materia e o da IXP Ternera Gallega, porque vense de reformular nun novo consello que tamén xestionará a IXP Vaca e Boi de Galicia.

Presidentes de Consellos Reguladores que repiten e novos no cargo

No caso do Consello Regulador Mel de Galicia foron escollidos de novo Ester Ordóñez Dios coma presidenta e José María Seijo Coello coma vicepresidente.

Tamén José Antonio Feijóo volve recuncar como presidente do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, que encara deste xeito o seu segundo mandato.

Coma vicepresidente continúa no consello das augardentes e licores con etiqueta tamén continua Miguel Oliveira, xerente da destilaría Pazo de Valdomiño.

Si hai renovación no caso do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.

Juan Manuel Casares, director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega),  é o novo presidente, tomando o relevo a Felicísimo Pereira.

Comparte...